O IES Illa de Ons elabora a guía turística ‘E ti de quen vés sendo?’
- O proxecto presentouse esta mañá no salón de plenos do Concello de Bueu coa presenza da concelleira de promoción económica e turismo, e do profesorado e alumnado do centro
- Silvia Carballo salientou que “é unha honra para nós que a rapazada cree proxectos de divulgación da riqueza da nosa vila”
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este venres a presentación dun proxecto turístico elaborado polo alumnado do IES Illa de Ons. A guía – mapa ‘E ti de quen vés sendo?’ foi unha iniciativa dos rapaces e rapazas de Lingua Galega e Literatura de 4º da ESO, coa colaboración dos departamentos de Tecnoloxía e Educación Plástica e Visual, e inclúe a sinalización dunha ruta cos principais recursos etnográficos, históricos e naturais de Bueu, que nos “axuda a coñecer o pasado e a conectalo co noso presente”, tal e como salientaron as alumnas participantes na rolda de prensa. Así, a ruta arranca na Igrexa de San Martiño de Bueu, para avanzar cara á Senda do Río Bispo, ao Estaleiro da Banda do Río, á Illa de Ons, ao Museo Massó, ao porto de Bueu, coa culminación nos restos arqueolóxicos de Pescadoira.
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou que “é unha honra para nós que a rapazada cree proxectos de divulgación da riqueza da nosa vila”, e deu os parabéns ao profesorado e alumnado deste centro que “é todo un referente na posta en marcha de proxectos de gran interese e relevancia, relacionados coa promoción do galego, de igualdade e de coñecemento da nosa vila”.
Esta guía turística, que se enmarca nos Contratos-Programa da Consellería de Educación dotados con fondos da UE, estivo coordinada polo mestre Anxo X. Rajó, mentres que o deseño correu a cargo de Enrique Pérez, a revisión lingüística fíxoa Xoan Rodríguez, a maquetación, Olalla García e as fotografías son da autoría de Antía Novas, Diana Ogando, Gisela Pérez, Sara Soliño e Jessica Soliño. Pola súa banda, na creación dos textos participaron Víctor Cestay, Carmen Comedeiro, Abel Dopazo, Brais Entenza, Iago Entenza, Iris Fandiño, Paula Fernández, Daniel Fernández, Carlos Gómez, Víctor González, Iago López, María Méndez, Daniel Moares, Carla Moital, Aridane Moreira, Raúl Nogueira, Antía Novas, Diana Ogando, Gisela Pérez, Alba Porto, Santiago Porto, Alejandro Rosales, Sara Soliño, Jessica Soliño e Marta Veleda.