O Concello de Bueu e o IES Johán Carballeira exixen á Xunta de Galicia solucións para o vindeiro curso educativo
Na concentración, convocada hoxe polo instituto bueués na Praza do Concello, participaron preto dun cento de persoas e do equipo de goberno local
A Praza do Concello de Bueu acolleu este mércores, 8 de xullo, unha concentración impulsada polo IES Johán Carballeira para protestar pola mala xestión que está realizando a Consellería de Educación do inicio do vindeiro curso escolar, na que participaron membros do grupo de goberno local. Diante de preto dun cento de persoas, a vicedirectora do centro, Noelia Lamosa, foi a encargada de ler un manifesto no que demandan a redución do número de alumnado por grupo e curso, de forma que se poida garantir a distancia mínima de 1,5 metros entre persoas e de 1 metros entre mesas do alumnado; a dotación do persoal e infraestruturas para garantir o obxectivo anterior; a dotación de material suficiente para a realización das clases con total seguridade; a implementación de medidas pedagóxicas e organizativas para unha óptima planificación do curso 2020/2021; e a posta en marcha inmediata das reformas tecnolóxicas necesarias a fin de dar resposta a novas situacións de confinamento parcial ou total.
Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, salientou na súa intervención que “precisamos dunha Xunta que resolva, que cumpra co profesorado e co alumnado, mais tamén cos concellos, que somos os que sempre temos que soportar sempre máis do que nos compete”. Así mesmo, Leal fixo fincapé en que “a Xunta debería implementar protocolos asumibles por parte de todas e todos”.
Rafael Oliveira, en representación da ANPA do instituto, lembrou que “nesta crise demostrouse que a educación presencial é máis importante ca nunca” e que “sen medidas de apoio á educación, non hai futuro”.
Xa por último, Macu Rodríguez, concelleira de benestar social e tamén mestra no colexio bueués de A Pedra, manifestou que “é indignante que aos concellos se nos exixa cumprir coas ratios de nove nenas/as para os programas de actividades de verán, e que pretendan que volvamos ás aulas con vinte e cinco”.