Continúan os traballos de limpeza de viais e espazos públicos municipais
Os servizos medioambientais do Concello de Bueu xa están funcionando a pleno rendemento, e por iso continúa coa limpeza e roza de camiños e viais públicos para garantir a seguridade tanto de persoas coma de vehículos. Así mesmo, o alcalde salienta que tamén se están acondicionando outros espazos públicos naturais, como lavadoiros, fontes, parques, cemiterios… Entre os lugares que se adecentaron esta semana destacan o cemiterio de Ermelo, o Parque de Xexide, o Lavadoiro da Cividade ou a contorna do parque de Sanamedio.
Para iso, o Concello conta con medios propios, como tractor, maquinaria individual e persoal municipal, e tamén se contrataron os servizos dunha brigada da Asociación de Persoas con DisCapacidade Intelectual Juan XXIII de Cangas.
Non é a primeira vez que o Concello conta con este centro de emprego, senón que xa en anos anteriores colaboraron noutros traballos como mantemento de xardíns ou arranxo do inmobiliario público. O rexedor salienta que “como administración pública temos a obriga de contribuír, na medida das nosas posibilidades, á integración social”.
A próxima semana continuarase con estas dúas vías de traballo, tanto en viais como en espazos públicos do rural, ás que se engadirán o acondicionamento das praias coa vista posta na inminente tempada estival.