A concelleira de promoción económica reúnese coa Directora Xeral de Comercio
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, mantivo esta semana una reunión telemática coa Directora Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol María Vázquez Abeal, co fin de solicitar apoio para o pequeno comercio da vila que está sufrindo as negativas consecuencias da crise da Covid-19. Na xuntanza, a edil bueuesa puxo enriba da mesa as propostas que ten en marcha o Concello de Bueu, ao tempo que solicitou colaboración por parte do ente autonómico para levar a cabo campañas de apoio ao comercio local. Emprazadas para outra reunión nas próximas semanas, Carballo salientou que actualmente a Xunta de Galicia ten abertas liñas de axudas para o asesoramento e a dixitalización do comercio.
Esta xuntanza solicitouse xa ao comezo da alerta sanitaria e encádrase no marco das que está mantendo a concelleira ao longo destas semanas con diversos colectivos e entidades, como a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), os responsables dos concellos da comarca, ou coa hostalaría, co fin de estudar as solucións e as medidas óptimas de apoio ao sector comercial da vila. Unhas medidas que, segundo avanza a concelleira, pasan pola creación de bonos que fomenten o consumo por parte da cidadanía nestes establecementos locais.