Os obradoiros de memoria para persoas maiores continúan na casa
- Os centros de día da vila repartiron este luns o material para as persoas participantes nestes obradoiros de envellecemento activo organizados polo Concello
As setenta e dúas persoas que participan nos obradoiros de memoria para maiores organizados polo Concello de Bueu continuarán coas actividades nas súas casas ata o mes de xuño. O Centro de Día Contigo e o Centro de Día Pescadoira, encargados destes talleres, adáptanse ás circunstancias actuais e por iso estiveron preparando material para entregar polas casas, un reparto que realizaron este luns en sendas furgonetas, e que permitirá aos e ás participantes manter a mente activa ata xuño para, despoisdas vacacións estivais, volver reanudar o programa en setembro, tal e como vén sendo habitual.
Estes obradoiros veñen celebrándose todos os anos no Centro Social do Mar de Bueu e na Casa do Pobo de Beluso, e acollen cada vez a máis persoas maiores que buscan alternativas de ocio e de envellecemento activo. Neste senso, Macu Rodríguez, concelleira de benestar social, salienta que “forman parte das políticas que implementamos para aumentar a calidade de vida das persoas maiores, así como ofrecerlle novas actividades e a mellora nas relacións sociais”.
Os centros de día da vila son os encargados de levar a cabo estes talleres que dende agora, debido á situación de alerta sanitaria pola Covid-19, as persoas participantes realizarán nas casas ata xuño. O material que se entregou consta de actividades de debuxo, praxias cognoscitivas e outras coas que traballar a memoria.
Tal e como destacan dende os centros de día, “xa recollemos os bos comentarios e a ledicia dos participantes ante esta decisión”.