Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Día de Rosalía

Evento xa rematado

Os poemas de Rosalía de Castro volverán a ser protagonistas este luns 24 de febreiro no cal se conmemora en todo o país o nacemento da poeta galega. Este ano o Concello de Bueu segue a apostar polo parque do Ramal dos Galos como o seu particular espazo para as letras cunha actividade que a partires das 18 horas e ata as 19:30 horas vai mesturar o recitado e a regueifa, dentro do paraugas do programa municipal Tintas Femias que busca poñer en valor a creación literaria en clave feminista.

O programa dará comezo coa lectura do manifesto deste ano, titulado Ambos errantes polo mundo andamos, obra do escritor Daniel Asorey, quen gañara o premio Johán Carballeira de poesía o pasado ano coa súa obra Transmatria, que será precisamente un dos libros cos que se agasallará a todas as persoas que participen na actividade xunto cunhas sementes de camelia doadas pola estación do Areeiro da Deputación de Pontevedra. Para o responsable de Cultura, Xosé Leal, a cita servirá para ademais de «para por en valor unha vez máis a Rosalía, a nosa poeta nacional, concienciar sobre cuestións tan importantes como a igualdade de xénero, a redución das desigualdades e mesmo a produción e o cosumo responsable, tres dos dezasete obxectivos de desenvolvemento sostibel que están a guiar a acción do goberno local neste ano 2020”.

Precisamente o programa Tintas Femias, que tivera unha primeira edición no 2018 cun obradoiro de poesía de amor,amigo, escarnio e maldicer a cargo de Míriam Ferradáns pasa agora a abranguer diversas citas culturais que terán continuidade no mes de marzo e abril.

Un miniobradoiro de regueifa impartido polos regueifeiro Kike e Josinho buscará combinar versos de arranque ou de peche con versos da autora:“Miña terriña, meu lar”;“Dóiome de dór ferida”;“Tecín soia a miña tea”;“Adios ríos, adios fontes” a combinar de xeito improvisado con “Longas ausencias mortás”;“Soia nunha terra estraña”;“Cando vén, vén coma negras”;“A xustiza pola man”. As palabras rima coas que facer as coplas serán : Día/Rosalía; Errantes/emigrantes; muller/defender;poetisa/feminista; Rexurdimento/vento ; Padrón/dron; Castro/mastro ; Semente/abrente xunto a conceptos rosalianos tales como: Rosalía / tra-trá / unllas; errantes / identidade / mundo; poesía / Galiza / terra; Bueu / Morrazo / versos; fiestra / Ulla / mar; dezasete / maio / cantares; Follas novas / costureiriña / santasa; ORAL / AELG / CEDRO.

Para finalizar o acto serán os regueifeiros os que co seu bo facer na improvisación oral poñan o broche de ouro ao Día de Rosalía, a primeira das protagonistas das #TintasFemias 2020.