O pleno da corporación de Bueu aproba unha taxa para a celebración de matrimonios civís
- A corporación tamén mostrou o seu apoio ao sector do mar fronte ás reformas da Lei de Costas, e aprobouse definitivamente o orzamento do 2019
O pleno da corporación municipal de Bueu, celebrado este luns, aprobou fixar unha taxa de 75 euros para a celebración dos matrimonios civís. A proposta, que contou cos votos a favor dos grupos do BNG, ACB e PSOE e a abstención do PP, pretende cubrir os gastos xerados pola institución municipal na tramitación destes expedientes que medran ano a ano, pois cada vez son máis as persoas que escollen a vila bueuesa para celebrar as súas vodas. O edil de facenda, Julio Villanueva, salientou que “Bueu era un dos poucos concellos que non cobraba por este servizo e de aí que decidísemos impulsar esta ordenanza fiscal”. Tras a súa aprobación na sesión plenaria, a ordenanza entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
Este pleno tamén serviu para desestimar as dúas alegacións presentadas ao Orzamento, Cadro, Catálogo e Anexo de Persoal do 2019 e aprobalo definitivamente, cos votos a favor de BNG e ACB e en contra do PP e PSOE. Os orzamentos xerais ascenden a unha cantidade de 6.040.000,00 €, tanto no capítulo de gastos como no de ingresos. O alcalde salientou que a evolución financeira do Concello nestes anos foi positiva, e hai dous exercicios nos que os datos demostran un remanente positivo de tesourería, “a pesar de non reducir os servizos sociais e de non incrementar ningunha taxa”. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, mostrou a desconformidade do seu grupo pola demora na aprobación do instrumento máis importante do Concello. Esta idea tamén a salientou a concelleira socialista, Elisa Dios, quen apuntou que “é importante que se realicen uns orzamentos transparentes, racionais e con antelación”.
Por último, e por unanimidade, aprobouse unha moción conxunta de apoio ao sector do mar e industria da comarca fronte aos proxectos de reforma da Lei de Costas e do seu Regulamento. Entre os acordos está o de instar ao Goberno central a que recoñeza a realidade da Comunidade Autónoma Galega e da comarca do Morrazo en relación á realidade histórica e socioeconómica do sector do mar, industrial, acuicultura e marisqueo que ao longo do último século serve como base fundamental para o desenvolvemento social e económico desta comunidade.