Dende a Concellería de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas levamos unhas semanas argallando nun evento en homenaxe ao Día das Bibliotecas co obxectivo de pór en valor unha institución que se caracteriza por ser fonte de infinidade de coñecementos.
Como xa sabedes, por mor da Covid-19 e das actuais restricións, tivemos que adaptarnos… E por iso lanzamos esta campaña virtual. Aí van as instrucións:
- En que consiste? Sorteamos un lote de libros entre as persoas participantes nesta edición, que estará activa ata o 24 de outubro ás 00.00 horas. O resultado do sorteo comunicarase á semana seguinte a través das nosas redes sociais. O lote de libros estará composto polos seguintes títulos:
– O abecedario na maleta. Pequena biografía de Matilde Bares: Polo Correo do Vento e Tania Solla
– Bueu Gozosos Anos 30: Polo Correo do Vento
– Anagnórise: María Victoria Moreno
– Galicia en bus: María Reimóndez
– Dente de leite: Arancha Nogueira
- Quen pode participar? A cultura non contempla ningún límite, todos e todas estades convidados/as a resolver as preguntas de maneira breve e concisa.
- Que pasa se non sei algunha? Nesta vida non todo debe ser resumido á obtención dun resultado final. Goza do camiño cara á resposta. Pregúntalle aos teus pais, aos teus avós ou mesmo ao teu fillo ou filla. Conversa coas fontes primarias, ás veces atoparás a resposta axeitada. Outras, unha nova historia. Intenta non usar a Internet e pasa o xogo en modo difícil. É unha recomendación.