Todo listo para o comezo da 22ª edición do festival SonRías Baixas
Esta mañá o Festival SonRías Baixas presentou en rolda de prensa e desde o recinto de As Lagoas, en Bueu (Pontevedra), a programación para a súa vixésimo segunda edición.
Ampliándose este ano a catro xornadas completas, SonRías Baixas 2025 terá lugar desde o xoves 31 de xullo ata o domingo 3 de agosto, esperando superar os récords de asistencia que xa se bateron na pasada edición, reunindo a máis de 26.800 asistentes e xerando na zona un impacto económico de 2,3 millóns de euros.
Á rolda de prensa, liderada por Jordi Lauren e Berta Domínguez (Dirección de SonRías Baixas), asistiron o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; a concelleira de Cultura do Concello de Bueu, Carmen García, e a xestora comercial de zona de Imagen Norte de El Águila, Tatiana Sofía González Carballo.
Durante a súa intervención, Jordi Lauren quixo agradecerlle ás institucións e patrocinadores o seu xeito de entender a colaboración público-privada, indispensable para que proxectos deste tipo saian adiante. Ademais, tamén adiantou algunhas das melloras estruturais coas que contará o SonRías Baixas nesta edición, como o aumento da superficie da zona de acampada –incorporando unha terceira zona-, que será indispensable para mellorar a mobilidade na zona e asegurar a comodidade das persoas asistentes.
Pola súa banda, Berta Domínguez, fixo fincapé na parte artística, explicando que o festival crece non soamente en espazo, senón tamén en número de días, que esta vez serán catro. O mesmo sucede con respecto ás bandas que pasarán polo Escenario Fest Galicia, o Escenario El Águila e o Escenario SonRías, superando as 30 nesta 22ª edición. Como punto a destacar, quixo lembrar que “unha banda como La Raíz despediuse en Bueu e tamén escolleu este escenario para volver”. “Estamos ante a edición máis completa do festival musicalmente falando”, destacou, explicando que “bandas que comezaron tocando na Sesión Vermú como Grande Amore ou Marlena agora pasan ao escenario principal”. Finalmente, reivindicou o traballo da organización á hora de contar con bandas e proxectos de primeira liña liderados ou participados por mulleres como Cariño, shego, Judeline, Delaporte, Sabela, Nena Daconte, Marlena, Pipiolas… etc.
Jacobo Sutil, director da AGADIC, detallou o carácter estratéxico do festival por todo o que ofrece a súa experiencia completa tanto a nivel social como turístico e económico. Sutil tamén puxo en valor o espírito innovador e de constante renovación do evento, cualificándoo como “un festival referente para a Xunta de Galicia en áreas como mobilidade, sustentabilidade e apoio ás bandas galegas”.
Pola súa banda, a xestora comercial de zona de Imagen Norte de El Águila, Tatiana Sofía Gonzalez Carballo, celebrou “poder seguir brindando no SonRías Baixas” un ano máis e adiantou que haberá varias activacións de marca que sorprenderán ao público asistente que se desvelarán unha vez comezado o festival.
A continuación, a concelleira de Cultura do Concello de Bueu, Carmen García, puxo en valor o evento engadindo que “a cultura move Bueu e Bueu move á cultura”. Destacou a importancia que ten que unha empresa local fose capaz de poñer Bueu no mapa e que o SonRías sexa hoxe en día “un dos mellores festivais a nivel estatal”, ademais de “todo o retorno positivo que supón para unha vila como este un evento musical de tanta calidade durante catro días”.
Para finalizar, Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra, valorou a combinación de estilos do cartel do festival, integrado dentro do circuíto dos #RíasBaixasFest que promove Turismo Rías Baixas. Quixo tamén destacar os valores comúns da Deputación e o festival como o compromiso co medio natural, o coidado da contorna, a posta en valor do territorio ou o traballo de concienciación contra a violencia de xénero. Ademais animou a todo o mundo a asistir porque “as Rías Baixas son sempre sinónimo de desfrute”.