O VIII Cross Cabo Udra celébrase esta fin de semana con 670 participantes
- O sábado pola tarde desenvolveranse as carreiras absoluta e popular, e o domingo será a quenda da andaina e das categorías inferiores
A Asociación por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades públicas e privadas, organiza esta fin de semana, 5 e 6 de outubro, o VIII Cross Cabo Udra, un evento deportivo e familiar no que se agarda a participación de 670 persoas. Con motivo deste evento, hoxe tivo lugar a rolda de prensa na Casa do Pobo de Beluso, e nela Marcos Torres, da organización, salientou que “nesta edición decidimos cambiar o cross para outubro, dado que en xuño se saturaba moito a zona de Udra, e o que fixemos foi tamén dividila en dous días”. Así, as carreiras absoluta e popular, de 4 e 10 quilómetros respectivamente, organizaranse o sábado pola tarde, día no que tamén terá lugar un zonal cadete, de 2,7 quilómetros, coa colaboración da Xunta de Galicia. Pola súa banda, deixaranse para o domingo a andaina de 13 quilómetros, e as categorías inferiores pitufos, minibenxamín, benxamín, alevín e infantil, que percorrerán diversas distancias.
Amais das probas deportivas, tal e como vén sendo habitual, o evento contará cunha parte solidaria, de aí que estea prevista a colocación de varios postos de asociacións da contorna, como a Fundación Diabetes Cero, Adicam, Agaela, Asociación Protectora do Morrazo, Avempo e a Asociación Juan XXIII, entidade que tamén confeccionou os trofeos como é habitual.
Daniel Benavides, Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, destacou “a gran calidade desta proba que combina o deporte co coidado do medio ambiente, e que ademais consegue unir a todo un pobo”. Pola súa banda, Luísa Sánchez, deputada de deportes, incidiu en que “é importante poñer en valor este tipo de probas, e máis neste caso cando se recupera un cross que hai moitos anos fora escolar”. Así mesmo, tamén loou a “labor integradora a nivel social”.
Pola súa banda Félix Juncal, alcalde da vila, comentou que “sentimos moito orgullo da realización deste e doutros eventos deportivos que nos reforzan como pobo, buscando as sinerxias coa comunidade”. Ademais “este proxecto achega importantes novidades, que están demostrando estar en constante cambio e adaptación”, remarcou o rexedor.
A organización entregará os trofeos habituais nas diversas categorías, ademais de medallas para todos os nenos e nenas participantes nas inferiores. A eles engadiranse varios recoñecementos, como o Trofeo Bravo, que se lle dará a unha persoa de Beluso que colabore co Cross, o Mellor de Bueu, ao de máis lonxe, ao primeiro inscrito/, ao club con máis participantes e á persoa con máis sabedoría.
O Cross Cabo Udra naceu hai varios anos coa clara intención de darlle continuidade e recuperar o Cross de Beluso, unha proba considerada coma un dos referentes provinciais a nivel escolar e popular durante os anos 80 e 90, e que tivo que deixar de celebrarse no 2003. Agora celebra a oitava edición con novidades e medrando ano tras ano.
Toda a información pode atoparse na web: https://crosscaboudra.com/