Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de maio da corporación municipal de Bueu mostra a súa unanimidade en varios temas

  • Aprobáronse dúas mocións sobre o recoñecemento das mulleres da historia local e a construción dun pavillón para Cela
  • Tamén se debateu fóra da orde do día a modificación da ordenanza de uso de praias, cuxa principal novidade é que os cans poderán acceder aos areais nuns horarios

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 4 de maio, a sesión plenaria ordinaria na que se aprobaron varios asuntos por unanimidade. Entre eles, a moción do PP para o recoñecemento do papel de mulleres referentes na historia de Bueu e a súa visibilización; a moción do grupo BNG e PSOE para que a Xunta de Galicia constrúa un pavillón polideportivo en Cela, ou a toma de razón do Nomenclátor de Galicia que inclúe topónimos modificados do municipio de Bueu. Así mesmo, tamén se levou, fóra da orde do día, a aprobación inicial da modificación da ordenanza de uso das praias.

O pleno arrancou co debate arredor da moción para o recoñecemento das mulleres de Bueu que, segundo explicou a voceira popular Elena Estévez, “nace co obxectivo de poñer en valor as mulleres da nosa historia e o que significaron, para o seu coñecemento tanto por parte da veciñanza como das persoas visitantes”. Laura Ogando, concelleira de igualdade e benestar social do goberno, manifestou “o noso firme compromiso pola igualdade” pero matizou que “este tipo de iniciativas é preciso levalas a cabo de forma coordinada para non caer na arbitrariedade” e por iso propuxo unha emenda do texto da moción que consiste en abrir un proceso participativo para establecer uns criterios claros que atendan á diversidade de cara a elixir as mulleres a homenaxear. A emenda foi aceptada e a moción aprobada por unanimidade dos grupos de BNG, PSOE e PP, mentres que o edil non adscrito estivo ausente da sesión.

O goberno presentou unha moción (tamén aprobada por unanimidade) para a construción dun pavillón de deportes en Cela por parte da Xunta de Galicia. Segundo explicou Xosé Leal, voceiro nacionalista e edil de facenda, “ningún dos colexios de primaria nin dos institutos da vila conta con pavillón propio, o que constitúe un agravio comparativo con respecto a outros municipios da contorna e da comarca”, que se suma “á gran actividade deportiva que existe na vila e que fan que sexa imprescindible cubrir a actividade da parroquia de Cela e da cidadanía en xeral”.

A toma de razón do Nomenclátor de Galicia tamén foi por unanimidade. Nel inclúense diversos topónimos modificados do municipio de Bueu que en liñas xerais son relativos ao engadido de artigos antes do nome dalgúns lugares.

Por último, e fóra da orde do día, debateuse a modificación da ordenanza de uso de praias, que se aprobou inicialmente grazas aos votos favorables de BNG e PSOE, e a abstención do PP. Segundo explicou Silvia Carballo, concelleira de turismo e praias, o texto modifica os artigos 15 e 20, que son relativos ao horario para levar os cans aos areais, e tamén o relativo ao lume nelas.

Así, do 15 de xuño ao 15 de setembro (ambos inclusive), poderase acceder cos cans ás praias entre as 22:00 e as 08:00 horas; mentres que do 16 de setembro ao 14 de xuño (ambos inclusive), será posible durante todo o día. Queda prohibido o acceso de animais domésticos ás augas e zonas de baño, así como ao areal, en todas as praias con Bandeira Azul na tempada de baño.

Ademais, tamén se modifica a ordenanza en relación ás fogueiras, polo que se acorda que queda prohibido facer lume e directamente no chan da praia, area, pedras ou rocas; agás naquelas datas que por especial significación se autoricen expresamente por parte do Concello de Bueu ou polos organismos competentes.

A ordenanza, que pretende entrar en vigor nesta tempada estival, publicarase agora no BOPPO e terá un período de exposición pública de 30 días hábiles, despois do que se aprobará de forma definitiva. Así mesmo, reforzarase con cartelería e paneis as praias.