Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno da corporación municipal aproba inicialmente a ordenanza de atención á cidadanía e administración electrónica

  • A normativa pretende mellorar e axilizar a atención á cidadanía e os trámites administrativos, así como descentralizar os servizos
  • O pleno tamén sacou adiante a aprobación inicial da modificación da ordenanza do ICIO, concretamente para bonificar cun 95% á Xunta de Galicia para a construción de vivenda protexida
  • As mocións presentadas polo PP e polo concelleiro non adscrito non saíron adiante ao contar cos votos en contra do goberno local

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 7 de abril, o pleno ordinario no que se aprobaron inicialmente dúas ordenanzas, así como o cambio de titularidade de dous treitos da EP-1301 que pasan a depender do Concello de Bueu, ou a aprobación do proxecto de obra de reforma enerxética e reforma integral do Pavillón Polideportivo de Beluso. Mentres, as mocións presentadas polo PP e polo concelleiro non adscrito Daniel Chapela non prosperaron ao contar cos votos desfavorables dos grupos do goberno.

A sesión arrancou co debate sobre o proxecto de obra do Pavillón de Beluso que, como defendeu Xosé Leal, edil de facenda, “vaise financiar con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia, outra do Plan de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra e para a que estamos valorando tamén unha operación de crédito para completar o importe restante”. Leal fixo fincapé en que “é unha obra moi demandada polos clubs da vila e pola veciñanza da parroquia de Beluso e que suporá poñer en funcionamento ao 100% unha instalación problemática dende o comezo”. Elena Estévez, voceira do PP, anunciou o voto favorable pero tamén remarcou que “parece que dende o goberno sempre estades aludindo aos defectos de construción do pavillón, pero tampouco fostes capaces de facer un mellor”. A proposta saíu adiante coa unanimidade de todos os grupos.

A continuación foi o debate da aprobación inicial da ordenanza de atención á cidadanía e administración electrónica, que tamén saíu adiante cos votos de toda a corporación. Leal explicou que “é unha adaptación á xestión pública do século XXI, que suporá axilizar as xestións e a automatización de certos trámites, tanto coa cidadanía como a nivel interno”. Así mesmo, tamén implicará que a administración se poida descentralizar noutros lugares diferentes á Casa Consistorial, polo que se achegarán os servizos públicos máis á veciñanza.

A modificación da ordenanza fiscal número 4 do ICIO aprobouse por unanimidade, e suporá que se engada unha bonificación do 95% para que a Xunta de Galicia poida construír en Bueu vivenda protexida.

O seguinte asunto foi o do cambio de titularidade a prol do Concello de Bueu de dous treitos da estrada EP-1301 entre o Alto da Portela e Beluso, que se solicitara dende o consistorio e que suporá poder levar a cabo dúas actuacións de mellora. Neste caso manifestáronse a favor BNG, PSOE e PP, mentres que Daniel Chapela se abstivo.

A continuación foi a quenda das mocións. A primeira delas foi presentada polo PP e referíase á solicitude dos baixos das novas vivendas de protección oficial como oficinas de titularidade municipal. Elena Estévez aludiu a que “debe achegarse a administración á veciñanza e ampliaríanse os espazos municipais dos que se carece”. Leal anunciou o voto en contra do grupo nacionalista porque “consideramos que o prioritario é que se poida construír canta máis vivenda protexida mellor, e non queremos quedar condicionados por un acordo plenario”. A moción só contou cos votos a favor do PP, polo que non se aprobou.

As últimas mocións foron as do concelleiro non adscrito Daniel Chapela, e nelas instábase ao goberno local a levar a cabo unha actuación de mellora na contorna da rúa Don Juan Veiga e Staffan Mörling, así como promover medidas para os autónomos e as PEMES. Ambas se desbotaron, pois só contaron co voto favorable do propoñente. Xosé Leal defendeu que “o goberno xa ten traballos planificados nas rúas indicadas, e en Staffan Mörling agardamos acometer un proxecto de mellora antes do verán con cargo ao Plan Máis Provincia 2024”. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, explicou que “no Concello xa temos unha axente de desenvolvemento local que dende o 1998 vén realizando servizo de asesoramento para a posta en marcha de proxectos ou negocios, e tamén se fan cursos da man de Fecimo e Acibu, cos que o Concello colabora”.