O pleno da corporación aproba o plan de igualdade do persoal do Concello de Bueu
- Tamén saíu adiante o proxecto básico e executivo do Novo Parque Urbano Lugrís e a delegación de competencias de prezos públicos na Xunta de Goberno Local
- A maiores debatéronse dúas mocións, concretamente para a construción dun aparcadoiro de titularidade municipal e outra sobre a pesca recreativa
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 5 de maio, o pleno ordinario no que se aprobou o Plan de Igualdade do persoal e o protocolo de prevención de acoso laboral, sexual e por razón de sexo do Concello de Bueu. Así mesmo, tamén saíu adiante o proxecto básico e executivo para a construción do Novo Parque Urbano Lugrís, e a delegación de competencias no establecemento e modificación dos prezos públicos na Xunta de Goberno Local.
A sesión arrancou no salón de plenos ás 20 horas coa defensa de Laura Ogando, concelleira de igualdade e benestar social, sobre o Plan de Igualdade, que definiu como “unha ferramenta estratéxica para o persoal municipal, que pretende detectar e corrixir as desigualdades”. A edil remarcou que “somos dos poucos concellos da provincia de Pontevedra en aprobalo, e súmase aos cinco plans de igualdade cos que xa contamos e que van dirixidos á cidadanía en xeral”. A proposta saíu adiante por unanimidade.
A continuación aprobouse, tamén por unanimidade, o proxecto básico e executivo do Novo Parque Urbano Lugrís, que requiría deste trámite previo para logo proceder ao expediente de contratación da obra que vai supoñer contar cunha gran infraestrutura de lecer na zona de As Lagoas e que se financiará con cargo a fondos da Deputación de Pontevedra.
O asunto da delegación das competencias na Xunta de Goberno Local para os prezos públicos contou cos votos en contra do PP. Xosé Leal, edil de facenda, salientou que “esta delegación faise a suxestión da nova tesoureira municipal e permite ter maior axilidade á hora de aprobar prezos públicos para diversas actividades”. Dende as bancadas dos populares, a voceira Elena Estévez botoulle en cara ao goberno que “se utilice o argumento da axilidade, cando as xuntas de goberno se celebran cada quince días e non semanalmente coma antes”. Finalmente esta proposta aprobouse cos votos favorables de BNG, PSOE e do concelleiro non adscrito Daniel Chapela, mentres que o PP se manifestou en contra.
Por último, o pleno incluíu dúas mocións sobre un aparcadoiro de titularidade municipal e a pesca recreativa. A primeira delas, presentada polo PP, buscaba promover a construción dun aparcadoiro de titularidade municipal, a través do que, segundo a voceira, “se resolvería a problemática que existe na vila e que irá a máis”. Os populares propoñían a compra dunha parcela o suficientemente ampla para albergar un aparcadoiro cun número de prazas axeitado ás demandas da veciñanza, desistindo da idea de facelo na pista da Banda do Río e usando a posible partida económica destinada a tal fin á compra e construción dun novo aparcadoiro en altura. O concelleiro non adscrito Daniel Chapela coincidiu na problemática pois “se non existe aparcadoiro, tampouco se incentiva o comercio local nin o lecer da xente na vila”. Iso si, o edil pediu que se aclarase a zona na que se formula o aparcadoiro, posto que “non ten sentido tampouco perder terreos para a construción de vivendas que é outro dos grandes problemas que temos”. Pola súa banda, Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, apuntou que “acabamos de saír dun proceso longo e complicado que culminou no concurso de ideas da Banda do Río e temos que deixar traballar ás técnicas que gañaron para que formulen as súas propostas e solucións, xa que o contrario é unha falta de sensibilidade”. A proposta contou cos votos favorables do PP, e en contra do resto da corporación, polo que non se aprobou.
Daniel Chapela presentou unha moción para que o Concello de Bueu e Portos de Galicia se senten novamente a negociar e dean unha solución para que as persoas da vila poidan exercer a pesca recreativa, xa que “despois de tres anos e de diversos acordos, a pesca recreativa segue a estar vetada no peirao de Bueu, mentres noutros concellos si se fixeron avances”. Xosé Leal, comentou que “esta segue sendo unha problemática creada por Portos de Galicia sobre os seus espazos, a cal ten que resolver dende ese ente”. Elena Estévez, voceira popular, apuntou que “se o Concello de Bueu non estaba de acordo co convenio, podería facerse unha contraoferta e así se dixo no momento no que se levou a moción de rexeitamento ao texto hai tres anos”. A proposta finalmente saíu adiante, ao contar cos votos a favor do concelleiro non adscrito e a abstención do resto da corporación.