O pleno da corporación apoia a declaración do Tinta Femia como Festa de Interese Turístico Galego
- O pleno debateu outros asuntos como mocións sobre transporte e a Cámara Agraria, ordenanzas do SAT e atención psicolóxica a menores, ou o contrato modificación do Pavillón de Beluso
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 1 de xuño, a sesión plenaria ordinaria na que se debateron un monte de asuntos. O que conseguiu a unanimidade de todos os grupos (BNG, PSOE, PP e edil non adscrito) foi o apoio á declaración da Festa do Viño Tinta Femia como de Interese Turístico de Galicia, un trámite previo imprescindible para que o evento poida contar con este distintivo e sumarse ao Encontro – Degustación do Millo Corvo e á Festa das Alfombras Florais. Segundo explicou Carmen García, concelleira de cultura, “trátase dunha festa que ensambla a nosa identidade agrícola e mariñeira e que forma parte da identidade da vila bueuesa”.
O pleno comezou coa aprobación do levantamento de reparo do expediente de modificado do contrato de obras da reforma do Pavillón Municipal de Beluso, no que se tiveron que engadir variacións en relación coa seguridade, o gas radón ou a eficiencia enerxética durante a execución. Elena Estévez, voceira do PP, anunciou o voto en contra do grupo porque “traer un levantamento de reparo indica que as cousas non se fixeron ben e que non se cumpriron os prazos de execución, que poden levar á devolución da subvención”. Félix Juncal, alcalde da vila, respondeu que “a execución foi máis longa do que nos gustaría pero houbo que ir sorteando diversas dificultades e estamos a poucos días de contar cun novo pavillón porque o que tiñamos non cumpría cos estándares mínimos de calidade”. A proposta saíu adiante cos votos a favor de BNG e PSOE, e o edil non adscrito, mentres que o PP se manifestou en contra.
O seguinte expediente foi o da adquisición da Antiga Cámara Agraria e o plan de pagos. Segundo explicou o voceiro do BNG e edil de facenda, Xosé Leal, “é importante contar con este local que será habilitado para a mocidade, logo dun proceso de participación activa por parte desta”. A proposta establece que o consistorio pagará en dez anos 50.000 euros. Daniel Chapela, edil non adscrito, declarou que “esta compra non é demasiado atinada porque o Concello non pode aumentar as súas infraestruturas ao non dispoñer de persoal”. A proposta aprobouse cos votos a favor de BNG e PSOE, e en contra de PP e do edil non adscrito.
Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, defendeu a aprobación de dúas ordenanzas sociais, concretamente a do servizo de atención temperá (SAT) e a do programa de apoio psicolóxico á/ ao menor. Ambas regulan os dereitos da cidadanía para estes dous servizos que xa están funcionando na vila e que precisan deste trámite antes da licitación. Nos dous casos, os votos favorables foron do BNG, PSOE e edil non adscrito, mentres que o PP se abstivo pendente do período de alegacións.
O pleno rematou co debate de dúas mocións: unha de mellora do transporte público na comarca do Morrazo presentada polo BNG e PSOE, e outra do PP para a creación dunha sala de exposicións na futura Casa da Mocidade de Bueu.
Xosé Leal defendeu a do transporte, que demanda máis paradas sinaladas e melloradas, máis conexión entre os concellos da comarca e as parroquias, máis frecuencias horarias, un incremento das liñas con Vigo e Pontevedra, así como cos campus universitarios e hospitais, unha mellora no transporte marítimo e a recuperación do Noitebús. Tanto o PP como o edil non adscrito coincidiron en apuntar que esta moción era moi comarcalista e que non atendía á realidade de Bueu. A proposta saíu adiante cos grupos do goberno e edil non adscrito, e en contra do PP, quen tamén propuxo unha emenda que non se aceptou.
E xa por último, o PP presentou unha moción para unha sala de exposicións no local da Antiga Cámara Agraria, pois “aínda que o Concello dispón da Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, esta non reúne na actualidade as condicións técnicas e de conservación necesarias para albergar determinadas obras artísticas con todas as garantías, especialmente no relativo ó control climático, iluminación, seguridade e acondicionamento técnico exixibles para exposicións de carácter profesional”. Segundo lle replicou a concelleira de cultura, “será un espazo para a mocidade, polivalente e dinámico, tal e como foi pensado, e no que se terán en conta as propostas da enquisa que fixemos entre os mozos e mozas”. Polo tanto, a proposta non prosperou dado que só contou cos votos a favor de PP e edil non adscrito.