Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

‘O mar empeza aquí’, un proxecto de sensibilización sobre o mar que nace do Club de Ciencia do IES Johan Carballeira

  • O alumnado do centro visitou o pasado venres a Casa do Concello para presentar esta proposta ao alcalde e á tenente de alcalde
  •  Félix Juncal salienta que “é importante que coas nosas políticas avancemos cara un mundo mellor e que coidemos os nosos ecosistemas que son os que nos dan a vida”

O Club de Ciencia do IES Johan Carballeira de Bueu visitou o pasado venres, 13 de marzo, o Concello de Bueu para presentar o proxecto “O mar empeza aquí” e buscar a colaboración do consistorio. O alumnado foi recibido no salón de plenos por Félix Juncal, alcalde da vila, e Isabel Quintás, tenente de alcalde e concelleira de ensino, quen lles manifestaron a vontade para “colaborar en todo o que precisen”.

Segundo explicaron os alumnos e alumnas, o obxectivo da campaña é reducir o impacto da contaminación por residuos no mar, tanto o ambiental como o social e económico (praias sucias, perdas de capturas). E iso pretenden conseguilo visualizando o problema de contaminación cotiá para sensibilizará sociedade no seu día a día, a través dunha intervención artística en sumidoiros, con sinais e placas que leven por lema, precisamente “O mar empeza aquí”. 

O traballo naceu dunha análise que o propio alumnado do centro realizou cos residuos atopados nas praias e areais. Nese momento diagnosticaron que os máis frecuentes eran os plásticos dun so uso, como botellas, tapóns, envoltorios, bolsas ou palliñas; seguidos das cabichas, toalliñas e produtos hixiénicos que se tiran no inodoro, microplásticos e outros materiais, como latas, vidros ou restos de pesca.

A partir de aí pensaron nesta iniciativa cuxa idea é conectar Bueuco resto das cidades españolas unidas á campaña mundial “O mar empeza aquí”, realizando unha pintada simbólica en determinados sumidoiros da vila, e tamén contribuír cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) acordados polos estados membros das Nacións Unidas, reducindo a contaminación mariña, evitando que o lixo entre en sumidoiros e actividades relacionadas coa limpeza de espazos naturais (como as praias de Bueu). Entre as peticións que lle fixeron ao consistorio está a obtención de permisos e o subministro do material para poder efectuar as pintadas.

Félix Juncal deulle os parabéns aos mozos e mozas pola proposta e salientou que “é importante que coas nosas políticas avancemos cara un mundo mellor e que coidemos os nosos ecosistemas que son os que nos dan a vida”. Ademais, tamén se lles fixo entrega dunha bandeira de Bueu como agasallo e lembranza deste día.