Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O IV Trail do Nocedo celébrase o próximo domingo con récord de participación

  • O Parque Joe Novas será o punto de saída e chegada do trail e do trailiño o próximo domingo ás 9 horas
  • A organización outorgará varios recoñecementos e trofeos para estas probas nas que participarán un total de 450 persoas

A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades, organizan o próximo domingo, 9 de marzo, o IV Trail do Nocedo, un proxecto que une a divulgación do patrimonio da parroquia bueuesa e o deporte máis activo. Así o destacaron Marcos Torres e José Martínez, da organización do evento, na rolda de prensa celebrada este xoves no Pavillón Municipal de Beluso, na que tamén participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Daniel Benavides, xefe do servizo de deportes da Xunta de Galicia.

A actividade terá unha parte deportiva cun trail de 27 quilómetros e 1500 metros de desnivel, e un trailiño que consta de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. As probas tomarán saída ás 9.00 horas dende o Parque Joe Novas de Beluso, onde comezarán a correr as persoas inscritas para a modalidade do trail e, posteriormente, ás 10 horas, as do trailiño. Precisamente, Torres destaca “o gran auxe da proba que este ano chega ao récord de participación con 450 persoas, algunhas das cales traspasan as fronteiras galegas, vindo de lugares como Bacelona, Madrid, Cádiz, Zamora, Xixón, e mesmo de países europeos como Italia, Alemaña, Francia ou Inglaterra”.

A organización prevé varios trofeos: no caso do trail, haberá premio para o 1º clasificado/a na absoluta, e para os tres primeiros clasificados nas modalidades de senior (ata 39 anos), veterán/a de 40 a 49 anos, veterán/a de 50 ou máis anos, así como para o 1º do trailiño e equipos. A iso haberá que sumar os recoñecementos, que se outorgarán ao 1º inscrito/a no evento, ao deportista que proveña de máis lonxe, ao participante máis veterán/á, ao equipo con máis participantes, e ao 1º clasificado/a de Bueu.

Pero non será esta a única actividade da mañá do domingo, pois a carreira terá tamén un carácter etnográfico, tal e como vén sendo habitual. Nesta ocasión as persoas deportistas pasarán polos denominados “Recunchos”, unha serie de espazos que se situarán ao longo do percorrido con recreacións de escenas cotiás antigas relacionadas coa parroquia de Beluso. Así, por exemplo, haberá figurantes vestidos de mariñeiros en Area de Bon, leñadores no Río Nocedo, unha de canteiros na coñecida como Carballeira de Borradillo e unha de lavandeiras no Rino Nocedo.

Félix Juncal, alcalde da vila destacou que “se trata dun evento que vai máis alá do deportivo e que pon en valor o que somos, as nosas tradicións”. No mesmo sentido interveu Daniel Benavides, e dende a organización tamén destacaron a parte social, xa que se instalará un posto da Protectora de Animais do Morrazo e recolleranse produtos para a mesma. Así mesmo, contarase con preto dun cento de voluntarios e voluntarias e os trofeos foron elaborados polo centro ocupacional Juan XXIII.