O FICBUEU prepárase para recibir a máis de 40 convidados e convidadas a partir deste venres
| O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que se celebrará entre este venres 5 de setembro e o próximo día 20, tivo hoxe a súa presentación, que contou con Jacobo Sutil, director da Agadic; Jorge Cubela, deputado de cultura da Deputación de Pontevedra; Carmen García, concelleira de cultura Concello de Bueu; e María Ruiz-Falcó e Manuel Pena, codirectores do evento. A organización preparou para esta 18ª edición un programa que combina cinema, música e encontros profesionais e que traerá á vila morracense a unha corentena de convidados estatais e internacionais. O festival abrirase o venres 5 de setembro coa proxección de Romería, a nova longametraxe de Carla Simón, coincidindo coa súa estrea en salas comerciais. Ademais, será unha das poucas proxeccións en España que estará nese mesmo día de estrea acompañada de parte do equipo para un encontro co público -con entradas xa esgotadas-. O pase estará precedido dun concerto gratuíto do trío Furanchology. Con respecto das entradas, xa están os abonos para a Sección Oficial á venta, así como as entradas individuais para esa sección, para a Sección Descubertas, a Sección GZ_00, a Sección Retrospectiva e a Sección Curtas en Familia. Poden adquirirse tanto na web do festival como no despacho de billetes do Centro Social do Mar. |
| Colaboración das institucións Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou o crecemento do festival nos últimos anos. «O gran momento que vive o audiovisual galego ten moito que ver cos festivais, que acollen e proxectan os seus filmes. Dende a Xunta de Galicia temos eventos estratéxicos da provincia de Pontevedra e o FICBUEU volve ser un ano máis un deles» declarou. Jorge Cubela, deputado de cultura da Deputación de Pontevedra puxo en valor «que se pode traballar desde o local para o internacional», recalcando que «un concello pequeno como Bueu pode concentrar o mellor audiovisual a nivel mundial». Ademais, o deputado, aproveitou para anunciar que a marca «Rías Baixas Film Fest», á que perfence o FICBUEU, estará este ano en Fitur. Pola súa banda, Carmen García, concelleira de cultura do Concello de Bueu, afirmou que estes 18 anos do festival dan boa mostra da súa consolidación e a súa madurez. Ademais, explicou como «para os veciños e veciñas de Bueu é toda unha experiencia completa porque se vive dende distintos sectores da vila que se implican no evento». A concelleira de cultura tamén lembrou que o filme inaugural, Romería, «contou con este concello como unha das súas localizacións: Cabo Udra». Sección oficial, GZ_00 e Descubertas: 43 estreas en Galicia Manuel Pena, codirector do festival, destacou que, de entre as case 80 películas que se proxectarán «43 delas serán estrea en Galicia e máis do 10% estrea en España». «Nunha liña continuista, na programación do festival sempre se inclúen filmes cunha gran carga social, tanto no discurso narrativo coma no tratamento da imaxe» afirmou Pena. Tamén quixo destacar que o FICBUEU recibirá a partir deste venres 5 de setembro máis de 40 convidados estatais e internacionais pertencentes ás súas seccións Oficial, GZ_00 e Descubertas; e que unha trintena de nacionalidades estarán representadas nas produccións que participarán no evento. Parte da programación estará integrada tamén polo estudantado de escolas audiovisuais ou de cinema: as seccións «Escolas de cinema galegas» e «Escolas de cinema internacionais», ambas de carácter competitivo e creadas coa intención de xerar unha sinerxía coa comunidade educativa e o público do futuro. Ademais, o festival mantivo a súa posición crítica ante o xenocidio en Gaza, excluíndo novamente as curtametraxes financiadas polo goberno de Israel. O Festival Internacional de Cinema de Bueu é un evento organizado pola Asociación FICBUEU que conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA). Divulgación e análise fílmica Durante a primeira fin de semana, o FICBUEU celebrará as súas tradicionais Xornadas Cinematográficas (sábado 6 de setembro), este ano centradas na relación entre música e cinema. Entre as actividades destacan: • A música e a montaxe en Romería: encontro coa montadora Ana Pfaff e o compositor Ernest Pipó, moderado por Gaspar Broullón, sobre o traballo conxunto no filme de Carla Simón. • Diálogos de composición: tres mesas de conversa organizadas en colaboración con Musimagen (Asociación de compositorxs de música para el audiovisual), nas que diferentes compositoras e compositores de bandas sonoras abordarán o proceso creativo desde varias perspectivas. Clase maxistral do crítico e divulgador Diego Salgado, que explorará as achegas das compositoras á historia da música de cine. • Análise fílmica. David Lynch visto cos ouvidos: o especialista Conrado Xalabarder estudará o uso do son e da música no cinema de Lynch, coa proxección da curtametraxe The Grandmother. O sábado 13 de setembro terá lugar a presentación do Caderno FICBUEU #6: O destino como forma. Imaxes do exilio / exilios da imaxe, obra de José Manuel Mouriño, que analiza as imaxes do exilio a través das figuras de María Luisa Elío e María Zambrano. O estudo de base desta publicación é unha liña de investigación do Laboratorio María Zambrano de poética audiovisual da Fundación Zambrano Vélez-Málaga. Ese mesmo día, a Sección Retrospectiva achegará ao público filmes de Alexander Kluge, João César Monteiro, Chantal Akerman, Pier Paolo Pasolini e Jomí García Ascot, nunha liña temática vinculada á identidade e ao exilio. Actividades para os máis pequenos e pequenas da casa Na segunda semana do FICBUEU, do 15 ao 20 de setembro, celebrarase o MiniFIC, un programa específico orientado ao público infantil e xuvenil, co obxectivo de fomentar o interese polo cinema nas novas xeracións. Máis de 2.000 nenos e nenas participan anualmente nesta proposta, que inclúe proxeccións de curtametraxes internacionais adaptadas a diferentes idades, así como a Sección Centros Educativos, na que alumnado de toda Galicia pode presentar as súas propias creacións audiovisuais. Tal e como explicou María Ruiz-Falcó, codirectora do evento, «estas proxeccións estarán acompañadas de unidades didácticas que desde a organización do festival preparamos previamente con docentes da zona». O MiniFIC culminará nunha xornada de clausura o sábado 20 cunha gala especial na que se recoñecen os traballos finalistas, poderase tamén gozar dunha instalación artística que ofrecerá un paseo pola historia dos xoguetes ópticos e as ilusións visuais que deron lugar ao nacemento do cinema, e rematarase cunha sesión de curtas para toda a familia. O Festival Internacional de Cinema de Bueu é un evento organizado pola Asociación FICBUEU que conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA). |