O Desfile do Enterriño da Sardiña desafía a chuvia e enche Bueu de ledicia entroideira
O Concello de Bueu organizou este mércores pola tarde o desfile infantil do Enterriño da Sardiña, no que participaron oito grupos, entre asociacións de nais e pais da vila e diversos colectivos: Anpa A Pedra, Anpa Alborada do Virxe Milagrosa, Anpa Torre Cela, Anpa Cabo Udra de Beluso, Anpa Pichirilo da Galiña Azul, Escola Infantil Tranvía, e os grupos Pandy Panda e Los ochenteros.
O desfile arrancou dende a Praza Massó ás cinco da tarde desafiando a chuvia, e percorreu as rúas Montero Ríos, Francisco Escáneo, Pazos Fontenla, Johan Carballeira, con remate na carpa de As Lagoas, na que tivo lugar a entrega de diplomas aos participantes e a desfeita da sardiña, que este ano foi elaborada novamente con globos por parte de Barafunda. Carmen García, concelleira de cultura, destacou a edición multitudinaria e agradeceu a todos os grupos a súa implicación para manter viva “a ilusión dos máis pequenos e pequenas neste día e desafiando a chuvia”.
O seguinte desfile será o do Paxaro de Mal Agoiro, que está previsto para este domingo aínda que dende a organización se valorará adialo debido ao mal tempo, decisión que se anunciará nos próximos días a través das redes sociais e da páxina web oficial.