Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello recibe a un grupo de rapaces e rapazas que propoñen novas ideas e proxectos para a rapazada

  • Na reunión estiveron o alcalde e a concelleira de cultura e mocidade e un grupo de mozos e mozas vinculados ao IES Illa de Ons e que forman parte do proxecto Red Compás
  • Achegaron propostas sobre os usos e espazos da futura Casa da Mocidade e xa avanzaron que o 19 de xuño realizarán unha performance na Praza do Concello para toda a xuventude de Bueu

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Carmen García, concelleira de cultura e mocidade e infancia, mantiveron esta semana unha xuntanza cun grupo de mozos e mozas da vila que lles propuxeron varias liñas de acción e actividades para os máis novos.

A reunión, que se celebrou no salón de plenos da Casa Consistorial, serviu para que este grupo do IES Illa de Ons puidesen conversar cos rexedores aos que tamén lles trasladaron que estaban preparando un manifesto para levar ao Parlamento Europeo porque “seremos pequenos, pero tamén pensamos, sentimos, escoitamos e observamos cunha mirada que percibe o que outros quizais esquecen”.

Dende o consistorio, tanto Juncal como García salientan a importancia de contar cunha mocidade activa e poñen en valor que actualmente se están levando dende o Concello a cabo os trámites para adquirir o espazo da Antiga Cámara Agraria onde se instalará no futuro a Casa da Mocidade, e para iso se activou xa hai uns meses unha enquisa de participación para contar coa opinión dos mozos e mozas da vila.

O alumnado forma parte de Red Compás, unha actividade promovida pola ONG Agareso e financiada pola Unión Europea. Segundo explicaron, eses once mozos e mozas participaron hai unhas semanas nun encontro xuvenil con outras persoas doutros centros de Galicia, onde puxeron en común as necesidades de cada localidade e as propostas que consideran clave como grupo.

Nese encontro debateron arredor das necesidades que sentían como mozos e mozas de Bueu e basicamente chegaron á conclusión de que precisan espazos onde medrar, crear, debater e compartir e de aí que a Casa da Mocidade sexa clave. En canto a este lugar, propuxeron contar con espazos como sala de música e teatro, paredes para murais ou arte urbana, sala multiusos para obradoiros ou charlas, zona de encontro e lecer con xogos de mesa ou merendeiro, horta urbana ou espazo verde exterior etc.

Ademais, co obxectivo de acadar maior repercusión, xa anunciaron que farán o próximo 19 de xuño pola mañá unha acción de mobilización social cunha performance na Praza do Concello, á que convidarán a sumarse a toda a xuventude da vila.