Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello escolle as propostas gañadoras do I Certame de Decoración polo mes do Polbo

  • O consistorio contou cun total de doce participantes nas categorías de escaparates comerciais, individual e colectiva

O Concello de Bueu reuniu este venres, 13 de xuño, ao xurado do I Certame de decoración polo Mes do Polbo e elixiu as propostas gañadoras nas categorías de individual, colectiva e de escaparates comerciais e hostalaría. O salón de plenos foi o espazo elixido para a xuntanza do xurado cualificador, que estivo composto por Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Isabel Quintás, tenente de alcalde, e Elena Estévez, voceira do PP.

No concurso, que serviu para dinamizar a vila durante o mes de maio coincidindo coa celebración das II Xornadas de Exaltación do Polbo, recibíronse un total de doce propostas e outorgáronse varios premios divididos en diversas categorías e con bonos comercio de agasallo que se entregarán nun acto a celebrar nos próximos días. Así, o xurado decidiu que na categoría individual, o 1º premio fose para Asunción Leal Estévez, que se fai cun bono por importe de 150 €, mentres que Florentino Resille Pastoriza recibiu o 2º premio, de 100 €, e Amalia Castro Ríos, o 3º de 50 €. Mentres, na categoría colectiva, o 1º premio, dotado cun de 200 €, foi para a Comunidade de Propietarios nº8 de Castelao. Por último, na categoría de escaparates comerciais e hostalaría, o 1º premio, cunha contía de 250 €, foi para Makacos Bueu, o 2º, de 150 €, para Nene’s e o 3º, de 100 €, para Volver.

O xurado valorou as propostas segundo os criterios de orixinalidade e deseño, a iluminación, os materiais reciclables empregados, a temática e o fomento dos valores locais. Así mesmo, dende a concellaría de promoción económica e turismo, agradecen a todas as persoas, colectivos e comercios que se animaron a decorar os seus espazos con motivos mariñeiros e relacionados co polbo. O certame, que agarda consolidarse en vindeiras edicións, é tamén unha forma de dinamizar o comercio e o consumo local e por iso se entregan como premios bonos para gastar nos establecementos locais.

PROPOSTAS GAÑADORAS