O Concello de Bueu require a FCC Aqualia a verificación dos colectores de augas residuais e verquidos ante o novo episodio de contaminación da praia da Banda do Río
- O goberno local levará a cabo unha comprobación co persoal municipal dende o inicio ata o final do río Bispo e “actuarase coa contundencia necesaria”
O Concello de Bueu requiriu a FCC Aqualia para que leve a cabo a verificación de todos os colectores de augas residuais e pluviais, así como a busca e localización de posibles verquidos nas canles naturais e calquera outra incidencia ou anomalía que se detecte nos servizos da auga. Esta decisión adóptase tras a recente comunicación dun novo episodio de contaminación microbiolóxica na praia da Banda do Río que leva ao peche do baño no areal ata novo aviso. Así mesmo, dende o goberno local incídese en que se fará unha comprobación co persoal municipal dende o inicio ata o final do río Bispo, e que “actuaremos coa contundencia necesaria, posto que non se descarta ningunha hipótese, incluso unha sabotaxe”, tal e como declaran Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira delegada de praias.
O Concello de Bueu recibira o pasado 15 de agosto unha comunicación por parte do Departamento Territorial de Sanidade, no que se indicaba que as augas da praia da Banda do Río detectaran unha contaminación microbiolóxica, con parámetros de 2005 NMP/100 ml de enterococos intestinais, e >2005 NMP/100 ml de Escherichia coli, motivo polo cal dende a Alcaldía se solicitou a FCC Aqualia, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento da auga, que procedese á revisión integral dos colectores de saneamento en todo o treito e contorna do río Bispo, xa que tamén tiñamos constancia de verquidos nesa zona ao longo de varios meses. Así mesmo, na praia da Banda do Río estivo prohibido o baño durante catro días.
A concesionaria emitiu un informe no que explicou que se levarían a cabo varias actuacións correctivas e preventivas, como a monitorización da rede de saneamento mediante cámara especializada co fin de detectar posibles obstrucións e elementos alleos, e a colocación de sistema de peche nas tapas das arquetas para impedir as manipulacións non autorizadas, dado que existen sospeitas de manipulacións nas mesmas. Paralelamente, nesa mesma data, o Concello recibiu unha comunicación do Departamento Territorial de Sanidade na que se informaba do fin do episodio de contaminación microbiolóxica na praia da Banda do Río, polo que o 19 se procedeu á apertura do baño.
Este mércores recibiuse outro escrito de Sanidade no que se comunicaba unha nova contaminación microbiolóxica neste areal, con parámetros de 53 NMP/100 ml de enterococos intestinais e 945 NMP/100 ml de Escherichia coli. Aqualia para que leve a cabo a verificación de todos os colectores de augas residuais e pluviais, a busca e localización de posibles verquidos nas canles naturais e calquera outra incidencia ou anomalía no funcionamento dos servizos da auga que poidan provocar dita contaminación.