O Concello de Bueu recupera a XIX Festa do Viño Tinta Femia que se celebrará do 4 ao 6 de xullo en Cela
- Félix Juncal, alcalde da vila, destacou que este evento “mostra o esforzo e o importante que é manter as tradicións e que lles leguemos aos nosos nenos e nenas o que é tan noso”.
- O evento incluirá actuacións de música tradicional, degustacións e catas de viño Tinta Femia e comida a prezos populares
A parroquia de Cela volverá celebrar este ano a XIX Festa do Viño Tinta Femia, que se recupera baixo a organización do Concello de Bueu e a Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu. Este mércores pola tarde tivo lugar no Eirado de Cela a rolda de prensa na que participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Carmen García, concelleira de cultura, Isabel Quintás, tenente de alcalde, Ricardo Verde, edil de deportes, Xosé Leal, de facenda, amais de representantes da Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu e colleiteiros e colleiteiras.
A festa celebrarase no Eirado de Cela na fin de semana do 4 ao 6 de xullo e nela incluiranse actuacións de música tradicional, degustacións e catas deste viño que é xa, sen lugar a dúbidas, un dos produtos máis singulares e definitorios da vila morracense. De feito, e como se avanzou na presentación, nesta edición haberá 1300 botellas ofrecidas polos dez colleiteiros e colleiteiras participantes, e tamén se dispoñerá de comida a prezos populares para acompañar.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou a colaboración do Concello de Bueu na organización deste evento que “mostra o esforzo e o importante que é manter as tradicións e que lles leguemos aos nosos nenos e nenas o que é tan noso”. Francisco Entenza, dende a Asociación de Viticultores, agradeceu a colaboración de todos os colleiteiros e colleiteiras e salientou que “para nós é un reto e un orgullo asumir as rendas desta festa que ten tanto valor e significado para a parroquia de Cela”.
Dado que un dos obxectivos desta festa é reivindicar a historia do viño, o venres 4 pola tarde organizarase un roteiro co investigador e músico Xavier Blanco da Fundación Legal no que se explicará a música de raíz e a súa relación coa cultura do viño. Nesta actividade proponse unha viaxe sonora polos espazos de Cela vencellados á tradición vitivinícola, onde a música de raíz se mestura cos labores do campo, cos parrafeos das vendimas e cos sons espontáneos das adegas. Esta recreación sonora é unha homenaxe viva á tradición, á creatividade popular e ao papel social do viño como punto de encontro, memoria e celebración. Xa despois, ás 20 horas, actuará o grupo tradicional Retrouso.
O sábado será o día grande, e a festa abrirase ás 13.00 horas co pregón a cargo de Don Juan Veiga Alfonso, profesional da saúde moi vinculado á vila de Bueu e que foi nomeado Fillo Adoptivo do Concello de Bueu no 2017. Precisamente no acto de hoxe quixo mostrar o seu agradecemento “por facerme parte desta festa que mostra o cariño que lle temos a este viño que é froito dun gran esforzo”. Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, actuará o grupo de cantos de taberna Os Saljariteiros.
O domingo pola mañá está programada unha cata cega dos viños e unha actuación musical coa charanga Os Jaláticos. Pola tarde, arredor das 19.30 h, entregaranse os premios da cata cega e da cata popular, ademais dos diplomas aos colleiteiros e colleiteiras e sortearanse as rifas.