O Concello de Bueu organiza unha charla sobre o paso de Castelao por Bueu
- A charla será impartida por Xosé Novas Piñeiro, secretario da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, e terá lugar o venres 11 de abril ás 20 horas na Biblioteca Torrente Ballester
- A actividade inicia o programa da concellaría de cultura polo Ano Castelao, que incluirá unha exposición de láminas, proxeccións e outras que coincidirán con datas senlleiras nas que o escritor, político e artista tivo presenza en Bueu
O Concello de Bueu organiza o próximo 11 de abril unha charla sobre Castelao, que estará impartida por Xosé Novas Piñeiro e na que se abordará o paso do político, pintor e escritor galego por Bueu. A actividade, que se insire no marco da programación da concellaría de cultura polo Ano Castelao, será na Biblioteca Municipal Torrente Ballester ás 20.00 horas.
Na charla, o presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira percorrerá os principais fitos de Castelao na vila de Bueu. Así no 1932 fixo parada en diferentes mítins do Partido Galeguista en Beluso, Meiro ou Bueu, e nos que participou xunto a outras figuras relevantes como Alexandre Bóveda ou Otero Pedraio. Nestes actos deixou claro o seu compromiso na loita contra todo tipo de desigualdades así como coa defensa dos dereitos de Galiza, e así se recolle no Bando da Alcaldía que o Concello de Bueu publicou a comezos de ano.
O Concello de Bueu adheriuse ao recoñecemento do Ano Castelao no 2025, co deseño dunha programación na que se inclúa a difusión da súa figura e obra. Carmen García, concelleira de cultura, salienta que “estamos preparando máis actividades para o longo do ano, coma unha exposición de láminas, proxeccións, e algunhas delas coincidirán con datas senlleiras nas que Castelao tivo presenza en Bueu”.
Ao mesmo tempo, faise un chamamento para a participación de toda a veciñanza e o tecido asociativo da vila e entidades que así o desexen, para contribuír aos mesmos obxectivos. Ademais, anímase a todas as persoas interesadas a seguir coñecendo a obra de Castelao, nas súas múltiples facetas, para o que poden visitar a Biblioteca Municipal Gonzalo Torrente Ballester, onde hai dispoñible unha ampla recompilación da súa obra.