O Concello de Bueu organiza máis «Contos na biblioteca» durante o mes de xuño
- As sesións celebraranse varios días ás 18.30 horas nas tres bibliotecas municipais co obxectivo de dinamizar e achegar a lectura á cativada
- O programa desenvolverase o 5 de xuño, na Biblioteca de Beluso; o 12, na de Bueu; e o 19, na de Cela
O Concello de Bueu segue a promover o uso das bibliotecas municipais como espazos de encontro e lecer con propostas para o público miúdo. Para iso organiza unha nova xeira de “Contos na biblioteca”, que terá tres sesións de contacontos en xuño nas bibliotecas municipais.
O programa estenderase durante tres días ás 18.30 horas nas tres bibliotecas municipais. A primeira das actividades será “Como montar a túa banda de verán” de Xoán Curiel, da que se poderá gozar o 5 de xuño na Biblioteca Municipal de Beluso. É un espectáculo que conta a historia duns amigos que no verán queren formar un grupo de música. Nel mestúrase narración oral e música, cunha gran variedade de estilos como o funk, o rock, o pop, o reggae ou a bossa nova, e elementos teatrais e de clown.
A seguinte será o 12 de xuño, á mesma hora, na Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu, coa actividade “A Ramona pequena vai á lúa”. Nela Pakolas conta e canta a historia da Ramona pequena, unha nena movida por constantes inquedanzas cunha mente moi esperta que adora perderse entre as páxinas de Xulio Verne. Trátase dunha obra didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe.
O programa rematará o 19 de xuño na Biblioteca Municipal de Cela, onde se poderá gozar da obra “Cambia o conto” de Música Miúda. Nel cóntase a historia dun lobo feroz e unha nena asustada, e tamén dunha avoa indefensa e unha madrasta malvada. O mítico conto da Carapuchiña Vermella pero dado a volta e cunha nova ollada.
A iniciativa, que se insire no marco do programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia, leva organizándose dende hai dous anos con gran éxito de público e con propostas que mostran que as bibliotecas son lugares ideais para compartir e vivir novas vidas. Dende a concellaría de cultura e bibliotecas, dirixida por Carmen García, preséntanse agora tres novas obras que encherán as bibliotecas de amor polas palabras co fin de achegar a lectura á cativada.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.