O Concello de Bueu organiza este venres un acto de inauguración das obras do Enleito
- Terá lugar ás 17.00 horas na Praza do Enleito e contará coa presenza do alcalde bueués, a arquitecta redactora do proxecto e a deputada da Área de Cooperación cos Municipios
O Concello de Bueu organizará este venres, 21 de novembro, a inauguración das obras de mellora de mobilidade do lugar do Enleito, un acto que servirá para poñer en valor esta actuación rematada hai unhas semanas e que supuxo un cambio de imaxe total de todo o lugar próximo á Casa da Música. O acto será ás 17.00 horas na Praza do Enleito e nel intervirán Félix Juncal, alcalde da vila, María Pilar Ramallo Vázquez, deputada da Área de Cooperación cos Municipios da Deputación de Pontevedra, e Iria Pazos Neira, arquitecta e redactora do proxecto.
A obra do Enleito, na que se investiron preto de 270.000 €, supuxo unha mellora desa zona cun cambio de pavimentación a través dunha plataforma única na que o espazo peonil e o vehicular se sitúan á mesma altura, a colocación de mobiliario urbano, a ampliación da iluminación e nova sinaléctica. Así mesmo, as obras aproveitáronse para proceder ao cambio dos diversos servizos e para o soterramento da liña telefónica. Todas esas actuacións tiñan como obxectivo reurbanizar e humanizar o espazo, así como incrementar a seguridade, o que se conseguiu coa construción dun talude a dúas alturas pola parte traseira da Casa da Música. Con iso tamén foi posible a ampliación da superficie da Praza, poñendo en valor outros elementos catalogados como a fonte e o cruceiro. A superficie na que se actuou aproxímase aos 1.315,15 m2, e tamén se habilitaron e reordenaron as zonas de aparcadoiro.
A obra foi acometida pola empresa EC Casas e financiouse no marco das subvencións do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra, e durante o proceso houbo algunhas dificultades que fixeron que se retrasase en varias ocasións ata o seu remate o pasado outubro.