O Concello de Bueu habilita un novo aparcadoiro na rúa Ramón Bares
- Esta área dará cabida a máis de 120 vehículos, e tamén se están realizando traballos para ampliar o aparcadoiro de Pescadoira e o do Rosa dos Ventos
O Concello de Bueu habilitará esta fin de semana un novo aparcadoiro na rúa Ramón Bares, no que poderán albergarse arredor de 120 vehículos. Félix Juncal, alcalde da vila, acompañado dos edís do goberno Celso Dopazo, Xosé Leal e Carmen García, visitaron este xoves o terreo no que se acometerán os primeiros traballos para abrilo na fin de semana con motivo da Festa das Alfombras Florais do Corpus e con vistas a que estea dispoñible durante todo o verán.
Dende o consistorio, e tal e como vén sendo habitual, continúan a ampliarse as áreas de estacionamento tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes. No caso desta parcela Ramón Bares de 1.900 metros cadrados, o goberno chegou a un acordo de cesión cos propietarios. Así mesmo, e co obxectivo de ampliar o estacionamento de cara a estes meses de afluencia poboacional e diversos eventos no casco urbano, tamén se realizan outras actuacións na zona do aparcadoiro de Rosa dos Ventos, onde se prevé aumentar a súa capacidade entre 50 e 60 vehículos. O mesmo ocorre co de Pescadoira, no que se acometeu a limpeza e se gañará espazo para aproximadamente outras 50 prazas de estacionamento.
Nos últimos anos habilitáronse novos espazos de estacionamento, que están situados enfronte da piscina municipal e xusto detrás do skate park, na zona de As Lagoas, na rúa A Pedra, na rúa Castelao ou na subida ao Norte, entre outros.