Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu estrea uns buzóns nas instalacións municipais para suxestións da veciñanza

  • Bueu abre un proceso de escoita cidadá para construír un novo proxecto de goberno máis preto das necesidades da veciñanza
  • Están xa dispoñibles dende este mes nos exteriores da Praza de Abastos, Biblioteca Municipal de Bueu, Casa do Pobo de Beluso, Centro Sociocultural de Cela e os pavillóns de Bueu e Beluso

O Concello de Bueu vén de estrear este mes uns buzóns a través dos que se recollerán as suxestións e peticións da cidadanía e que forman parte dun proceso de escoita cidadá para construír un novo proxecto de goberno máis preto das necesidades da veciñanza. Este xoves tivo lugar a rolda de prensa de presentación pública da proposta no exterior da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, nun acto que serviu de posta de longo e que contou coa presenza de Félix Juncal, alcalde da vila, e Isabel Quintás, tenente de alcalde.

Os buzóns van estar dispoñibles en seis instalacións municipais nas que existe gran afluencia de persoas, caso da propia Biblioteca Torrente Ballester, a Praza de Abastos, a Casa do Pobo de Beluso, o Centro Sociocultural de Cela, e os pavillóns Pablo Herbello de Bueu e o de Beluso.

A iniciativa naceu a comezos de ano cando se lanzou unha enquisa sobre a comunicación e a relación coa cidadanía. A partir da mesma, detectouse que aínda que se dispoñía de varias vías de escoita, non todas eran coñecidas pola cidadanía porque non se trasladaban de forma correcta ou eficaz, de aí que se necesite mellorar a comunicación e ampliar as canles. Así, os obxectivos son intentar mellorar o coñecemento dos mecanismos que existen para que a veciñanza poida empregalos correctamente e incorporar outro presencial pero menos persoal, caso do buzón. Ademais, tamén se están publicando no Facebook e Instagram unha serie de vídeos de diversas temáticas a través dos que se pretende dar a coñecer os servizos do Concello e achegar a administración e o que se fai nela no día a día.

Dende o goberno local anímase á veciñanza a facer uso dos buzóns coas súas suxestións, queixas ou calquera outra achega que poidan ser de interese para mellorar a vila. Para o uso dos mesmos, bastará con que se entregue unha folla de papel co que se queira trasladar no propio buzón, e sempre que sexa posible, que se engada un teléfono ou forma de contacto.

O buzón é só unha peza máis dos mecanismos de escoita que actualmente están activos no Concello, caso das redes sociais Instagram e Facebook, a aplicación de incidencias “Meu Concello”, a sección “A túa opinión conta” da páxina web municipal, o correo electrónico, as canles de Telegram e Whatsapp e, por suposto, a atención presencial e as audiencias do alcalde e dos concelleiros e concelleiras nos diversos lugares.