O Concello de Bueu entregou os Premios Johan Carballeira a Cláudia Morán e Eugenio Outeiro
- O acto, que se celebrou este sábado no salón de plenos da Casa Consistorial, contou coa presenza de ambos premiados
- Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que os premiados “teñen en común a preocupación pola lingua que nos constrúe e nos conforma, esa lingua que nos legaron os nosos maiores e pola que cómpre empurrar forte”
O Concello de Bueu celebrou este sábado, 22 de novembro, o acto de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, que tivo lugar pola ao mediodía no salón de plenos da Casa Consistorial, e ao que asistiron os dous gañadores. Nela, Eugenio Outeiro Lojo, gañador na categoría de poesía, e Cláudia Morán Mato, na de xornalismo, recibiron unha cerámica de Carballeira deseñada para a ocasión pola artista Cavalinho do Demo.
Carmen García, concelleira de cultura, foi a encargada de guiar o acto ao que asistiu unha gran cantidade de público nun salón ateigado. O acto contou coa actuación de Cintaadhesiva, un proxecto literario-musical que se artellou no fío condutor da música de Jesús Andrés Tejada e os textos de Silvia Penas.
Eugenio Outeiro Lojo, que recibiu o premio de poesía polo poemario Réquiem, centrou a súa intervención nun monte de agradecementos e destacou que “para min é moi importante ser premiado nun pobo de cultura marítima e co nome de Johan Carballeira, que foi represaliado igual ca os veciños da Arousa aos que canto nos meus versos”. Así mesmo aludiu a que “se estou aquí é por unha maré de casualidades, e esa maré é a que quixen dalgunha forma retratar facendo memoria e intentando sandar feridas”.
Cláudia Morán, galardoada na categoría de xornalismo canda Manolo Broa coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza de Nós Diario, reivindicou facer un xornalismo “no que creo, que consiste en escoitar e poñer as palabras ao servizo das persoas e da verdade”. Así mesmo, explicou que a reportaxe naceu da necesidade e querenza por “valorar e amar a terra, que é algo que me legaron os meus pais e avós e avoas, porque precisamos lembrar que o rural ten natureza, historia e vida” e que “o xornalismo debería ser conxunto e pausado, con tempo para escoitar e volver”.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que os premiados “teñen en común a preocupación pola lingua que nos constrúe e nos conforma, esa lingua que nos legaron os nosos maiores e pola que cómpre empurrar forte”. Tamén fixo fincapé en que ambos traballos destacan polo compromiso social, o de Cláudia pola súa indagación nos porqués do desmantelamento das aldeas e da problemática dos lumes, coa reivindicación das persoas que no seu día a día habitan un baleiro que non debería ser iso; e o de Eugenio cun poemario no que conta a represión na Illa de Arousa, “unha represión que foi parella á vivida en Bueu e á padecida polo alcalde Johan Carballeira e os seus compañeiros, na defensa dos dereitos dos mariñeiros e das causas xustas”, referendou.
Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, reivindicou tamén a Carballeira na súa intervención e salientou que “a través dos premios mantemos viva a figura de carballeira, poeta, home e xornalista, e debemos agradecer aos que apostan pola poesía e xornalismo en galego, coa reivindicación das voces que entre tanto ruído mediático quedan nun segundo plano e que forman parte do que nos define”.
Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde da vila bueuesa ata o seu asasinato a mans dos franquistas.