Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu e a familia organizan visitas guiadas á Casa Otero Baena

  • A xornada de portas abertas será o 21 de decembro e haberá varias quendas durante todo o día, previa inscrición
  • Esta actividade forma parte do traballo de recuperación do pintor que nos últimos anos o consistorio está levando a cabo xunto á familia

O Concello de Bueu e a familia do artista local José Benito Otero Baena organizan o 21 de decembro unha serie de visitas guiadas á casa do pintor, sita na rúa Eduardo Vincenti, preto da Casa Consistorial. As persoas que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do enderezo electrónico cultura@concellodebueu.gal, no teléfono 986390029 (ext. 2), ou no 2º andar do Concello de Bueu.

Os grupos serán de 10 persoas cada un e haberá quendas ás 11.00, 12.30, 16.00 e 17.30 horas. As persoas que se acheguen poderán coñecer o espazo de traballo do artista, que foi alcalde de Bueu e un experto na técnica da espátula coa que pintou moitísimos cadros de paisaxes e outros elementos.

O Concello de Bueu leva anos traballando na recuperación e visibilización da figura de Otero Baena da man da familia e co obxectivo de dalo a coñecer tanto entre a veciñanza da vila como ás persoas visitantes. Ese traballo arrancou en xullo de 2022 coa descuberta da placa na súa vivenda en Eduardo Vincenti, 9, moi preto da Casa Consistorial. Xa no 2023 tivo lugar a posta en marcha do I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis, no que se presentaron cincuenta e dous traballos e que supuxo todo un revulsivo para este concurso que se convocará cada dous anos. Precisamente, en xuño dese ano e coincidindo co seu centenario, organizouse unha exposición dos traballos finalistas do certame e que contou cunha gran asistencia de público. Xa este ano, o 19 de xullo tiveron lugar no Centro Social do Mar unhas xornadas nas que participaron Carmen García, concelleira de cultura, Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, e os artistas Elena Bangueses e Antón Sobral.

Otero Baena destaca polo seu manexo da espátula, instrumento co que realiza as súas obras máis características, nas que representa escenas mariñeiras da súa localidade natal, cun interese especial polas embarcacións tradicionais e un uso moi persoal da cor. Mantería ese interese ao longo do tempo, aínda que despois da paréntese creativa á que o obrigou o seu labor como alcalde e as súas ocupacións laborais, cando retomou a pintura a finais dos anos 80, o seu estilo evolucionou aos tons suaves e unha constante procura da luz. Ao final da súa vida, buscou con determinación a sinxeleza, en paisaxes nas que está ausente todo o superfluo. Unha parte da obra pode verse ata o 19 de xaneiro na exposición do Museo de Pontevedra baixo o título de “Un pintor sen pinceis”.