Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu dá a coñecer os finalistas do II Certame Otero Baena para Artistas Noveis

  • Son doce as propostas pictóricas que conformarán unha exposición na Sala Domínguez Búa na segunda quincena de xullo, e unha delas farase cun premio de 1500 euros
  • O concurso pretende ser un escaparate para promover a creación artística entre os novos talentos, ademais de poñer en valor a figura do artista bueués José Benito Otero Baena

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este martes, 10 de xuño, a reunión do xurado do II Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis, no que se decidiron doce obras finalistas (e cinco de reserva) que conformarán a exposición conxunta do 15 ao 31 de xullo na Sala Amalia Domínguez Búa. A xuntanza estivo presidida por Carmen García, concelleira de cultura, e nela estiveron Covadonga López, directora do Museo Massó de Bueu, Javier Pérez, da Fundación Laxeiro, Agar Ledo, do Museo de Pontevedra, Ignacio Pérez, da Facultade de Belas Artes, e Elena Bangueses, historiadora do arte e galerista bueuesa, actuando Belarmino Barreiro, arquiveiro municipal, como secretario.

O Concello de Bueu recibiu trinta e nove traballos artísticos no II Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis, de entre os cales o xurado decidiu as mellores propostas que conformarán unha exposición que estará aberta ao público do 15 ao 31 de xullo na Sala Amalia Domínguez Búa.

O xurado seleccionou para a mostra expositiva as doce obras tituladas como “Celosía circular”, “Agosto”, “Entre bateas”, “Escavación”, “Fragmentos de lectura”, “Parque tres de febrero”, “Mar de chumbo”, “Nordés en Udra”, “Sen título (tela)”, “Vientos nucleares”, “Xarrón azul” e “Zapaldu”.

A partir de aí os e as artistas presentaranas en formato físico no Concello de Bueu antes do 25 de xuño, solicitando cita previa para a entrega presencial a través do correo comunicacion@concellodebueu.gal, ou ben a través de envío con axencia de transporte ao enderezo Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº 8 Bueu.

A exposición poderase ver na segunda quincena de xullo organizarase a gala de entrega do premio á persoa que resulte gañadora dun premio dotado con 1.500 euros.

Este certame foi creado no 2023 co obxectivo de fomentar a creación artística entre artistas noveis, e tamén como unha forma de dar a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena, máis coñecido como “Pepé”.

José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática. Neste tempo, o Concello de Bueu, en estreita colaboración coa familia, deseñáronse diversas iniciativas para dar a coñecer o labor do artista bueués.