O Concello de Bueu convoca os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo que incrementan as súas contías
- O prazo para o envío de traballos en ambas categorías esténdese ata o 30 de xuño deste ano
- Os premios constarán de 2500 € en ambas categorías máis a publicación na editorial Xerais do poemario gañador no caso do de poesía
O Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 30 de xuño deste ano, e que contarán cunha dotación económica de 2500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.
Os certames estrean este ano unha suba económica de 1000 € en cada unha das categorías, pasando dos 1500 € dos anos pasados aos 2500 € da actualidade. Dende o consistorio adoptouse esta medida xa que se trata duns premios moi consolidados pero que a nivel económico quedaran por debaixo doutros de similares características, e tamén porque é importante poñer en valor a creación literaria e en galego, posto que é un sector precarizado. Carmen García, concelleira de cultura, salienta que “co incremento das dotacións búscase seguir aumentando a participación, e tamén supón unha aposta firme polos premios deste goberno”.
Tras a publicación do anuncio e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, ábrese o prazo e as persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web do Concello de Bueu.
Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, ademais fomentar a creación en lingua galega. O certame celebra a vixésimo novena edición na categoría de poesía e a vixésimo terceira na de xornalismo. Na última convocatoria resultaron gañadores Eugénio Outeiro Lojo con Réquiem, e a xornalista Cláudia López Morán coa reportaxe “Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume”, publicado no suplemento Sermos Galiza, do Nós Diario.
O certame, que xa conta con moita historia a nivel galego, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, Antía Yáñez, Lois Pérez, entre outr@s; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde, Arancha Nogueira…
BASES XXIX PREMIO JOHAN CARBALLEIRA DE POESÍA
BASES XXIII PREMIO JOHAN CARBALLEIRA DE XORNALISMO