Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu convoca os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo

  • O prazo para o envío de traballos en ambas categorías esténdese ata o 31 de maio de 2025
  • Os premios constarán de 1500 € en ambas categorías máis a publicación na editorial Xerais do poemario gañador no caso do de poesía

O Concello de Bueu vén de convocar os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 31 de maio deste ano, e que contarán cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.

As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web do Concello de Bueu.

Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira. Ademais, pretenden fomentar a lingua galega, incluída tamén a normativa reintegracionista que é a novidade desta edición. O certame celebra a vixésimo oitava edición na categoría de poesía e a vixésimo segunda na de xornalismo. Na última convocatoria resultaron gañadores Xosé Luís Mosquera Camba con Trece maneiras de mirar un almanaque, e o xornalista Lois Pérez Pena coa reportaxe “Eloxio do apenovismo”, publicado na revista Luzes.

O certame, que xa conta con moita historia a nivel galego, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, Antía Yáñez, entre outr@s; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde…

BASES XXVIII PREMIO JOHAN CARBALLEIRA DE POESÍA:

BASES XXII PREMIO JOHAN CARBALLEIRA DE XORNALISMO: