Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu convoca o I Concurso de Decoración polo ‘Mes do Polbo’

  • O consistorio repartirá 1.250 euros en bonos comercio nas tres categorías: individual, colectiva ou de escaparates comerciais e hostalaría
  • Este certame, cuxo prazo de participación se estenderá entre o 28 de abril e o 30 de maio, pretende dinamizar a colaboración veciñal e reforzar a decoración da vila durante o mes de maio

O Concello de Bueu convoca o I Concurso de Decoración polo “Mes do Polbo”, unha proposta que pretende dinamizar a vila durante maio e que coincidirá coas II Xornadas de Exaltación do Polbo. Segundo destaca Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, os obxectivos son “promover a participación na decoración da vila durante ese mes a través da ornamentación de vivendas, balcóns, rúas, prazas ou escaparates comerciais, ademais de fomentar a creación artística e a colaboración veciñal”. Así mesmo, con el tamén se dinamizará o comercio local, pois repartiranse 1.250 euros en bonos comercio segundo as diversas categorías.

O prazo para a participación estenderase dende o 28 de abril e o 30 de maio, e estableceranse varios premios divididos en tres categorías. Así, haberá unha categoría individual, na que estarán incluídas as fachadas de vivendas individuais, balcóns, fiestras ou xardíns, con premios de 150, 100 e 50 euros en bonos comercio; outra categoría colectiva para asociacións e comunidades veciñais, na que poderán participar fachadas de edificios, espazos como rúas, prazas e locais , con premios de 200, 150 e 100 euros; e a última, de escaparates comerciais e hostalaría, na que se incluirán os escaparates exteriores de establecementos e hostalaría, e cuxos premios serán de 250, 150 e 100 euros. Todos eses premios serán para comprar no comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo na vila.

A decoración utilizada terá que ver con motivos mariñeiros e do polbo, con liberdade na técnica empregada e expostas en Bueu. As persoas ou entidades que desexen inscribirse deberán enviar un correo electrónico a silvia@concellodebueu.gal, indicando datos da persoa participante, fotografías da decoración, número de teléfono de contacto, enderezo da instalación e categoría na que participa.

Posteriormente será un xurado conformado por entre tres a cinco persoas o que valore as decoracións segundo criterios de orixinalidade e deseño, a iluminación, os materiais reciclables empregados, a temática e o fomento dos valores locais.

Accede ás bases completas: