Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu consegue as bandeiras azuis para catro praias e tres centros medioambientais

  • Os areais de Lagos, Area de Bon, Lapamán e Portomaior conseguen a bandeira azul de ADEAC, e tamén repiten os centros de Estaleiro de Purro, Udra e Agrelo
  • Esta tempada renunciouse a presentar a candidatura da praia da Banda do Río debido á non obtención da calidade de auga excelente, pero o goberno local manterá os servizos e confía en recuperar o distintivo o próximo ano

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais e centros de España durante esta tempada estival. Así, o Concello de Bueu consegue este verán catro bandeiras azuis, que van para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán Este distintivo valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Así mesmo, tamén se revalidan os distintivos de centro azul para o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo.

Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, acollen con ledicia e satisfacción estes galardóns, que supoñen unha mostra do gran traballo levado a cabo na última década, tanto a nivel medioambiental como de implementación de servizos. Así mesmo, e sobre o areal da Banda do Río, aclaran que “este ano renunciamos a presentar a candidatura porque se obtivo a calidade de auga excelente e, tras facer a consulta en ADEAC, xa nos avanzaron que non nola concederían”. Iso si, continúan os rexedores, “confiamos en que sexa algo puntual e se recupere para vindeiras tempadas, e por iso teremos igual todos os servizos, caso dos baños e do socorrismo”.

O Estaleiro de Purro segue co distintivo azul acadado o ano anterior, e súmase aos de Agrelo e Cabo Udra, converténdose a vila bueuesa nun referente ao contar co maior número de centros con este distintivo non só da provincia, senón tamén a nivel galego, o que vén a demostrar o traballo levado a cabo na posta en valor do patrimonio natural, etnográfico, histórico e cultural. Nos tres centros organízanse habitualmente actividades para a cidadanía que contan cun gran éxito de público de todas as idades e que o pasado ano se reforzou a través do proxecto Ardora, financiado polo GALP.

Os centros medioambientais

A Aula da Natureza de Cabo Udra foi construída no 2008 no espazo protexido de Cabo Udra, pertencente á REDE NATURA 2000, enclave privilexiado da costa morracense e cunha biodiversidade que o converte nun espazo único.

Esta innovadora edificación, permite ao Concello contar cun espazo de interpretación natural, podendo resaltar os valores biolóxicos do espazo protexido de Cabo Udra, así como promover e desenvolver programas e actividades de educación ambiental.

O Centro de Interpretación de Agrelo, situado nas inmediacións da praia de Agrelo, inaugurouse no 2015. Este centro, cuxas obras de rehabilitación se iniciaron a finais do 2014, era o antigo matadoiro municipal de Agrelo construído no ano 1955 que fora proxectado polos arquitectos Francisco de Castro e Pedro Alonso. Tamén foi usado durante moito tempo como sede da protección civil.

O Concello decidiu apostar por este centro como un complemento do de Cabo Udra,e que contribúe a ser un referente do Bueu costeiro, para vincular a edificación con todos os recursos naturais, económicos e culturais do noso municipio.

O Estaleiro de Purro atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente á historia marítima recente do Concello de Bueu. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e veciños; nela construíronse infinidade de embarcacións, algunhas delas en activo.

O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente do noso concello. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.

A rehabilitación rematada no 2022 supuxo a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira e dos aparellos e ferramentas de traballo.