Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebra o Día de Rosalía con poesía e contacontos

  • O 20 de febreiro será a presentación do poemario “Trece maneiras de mirar un almanaque”, co que Xosé Luís Mosquera Camba gañou o XXVII Premio Johan Carballeira de Poesía
  • O 24 de febreiro, ás 17.30 horas, terá lugar o contacontos “Buscando a Rosalía” de Raquel Queizás

O Concello de Bueu organiza un ano máis actividades para conmemorar o Día de Rosalía, que se conmemora o próximo 23 de febreiro. Ao longo dos vindeiros días, o consistorio programará diversos eventos que poñerán en valor as letras galegas para todas as idades.

O programa arrancará o xoves 20 de febreiro, ás 19.30 horas, coa presentación de Trece maneiras de mirar un almanaque, obra coa que Xosé Luís Mosquera Camba gañou o XXVII Premio Johan Carballeira do Concello de Bueu.  O acto contará ademais coas intervencións de Carmen García, concelleira de cultura, e Fran Alonso, director da editorial Xerais. Trece maneiras de mirar un almanaque é, segundo a editora, o canto do merlo que lles pon banda sonora aos amenceres da vida do autor dende un loureiro próximo á súa casa. Ese canto e ese merlo son sempre os mesmos e son tamén sempre outros.

O luns 24, no mesmo espazo terá lugar  a partir das 17.30 horas o espectáculo “Buscando a Rosalía” de Raquel Queizás, unha proposta de narración oral con monicreques para nenos e nenas de 3 anos en diante. O argumento parte de Queliña, unha detective que atopa unha vella maleta e dentro desta follas escritas con versos, zapatos pequenos, un pano branco… mentres investiga descubrirá que esa maleta pertence á nosa Rosalía de Castro.

Tal e como destaca Carmen García, concelleira de cultura e normalización lingüística, “o que buscamos é dar a coñecer a figura de Rosalía de Castro entre todas as xeracións e por iso organizamos actividades que poñen en valor a cultura e a lingua galegas”.