O Concello de Bueu celebra do 28 ao 30 de novembro o Mercado de Nadal con máis dunha trintena de postos
- A carpa de As Lagoas estará aberta o venres e o sábado de 11 a 22 horas, e o domingo ata as 20 horas
- Ademais de postos de venda, tamén se poderá gozar de propostas gastronómicas, concertos musicais, sesións vermús e actividades infantís
O Concello de Bueu organiza a fin de semana do 28 ao 30 de novembro un Mercado de Nadal na carpa de As Lagoas con máis dunha trintena de establecementos de comercio, produción local, artesanía e no que tamén haberá opcións gastronómicas diversas. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou na rolda de prensa celebrada este xoves que “trátase dunha proposta que organizamos por terceiro ano consecutivo coa finalidade de converter As Lagoas no noso propio centro comercial, e de poñer en valor que o se a economía local funciona é polo comercio que nos ofrece proximidade e bo trato durante todo o ano”. A edil fixo fincapé en que o obxectivo é contrarrestar o efecto do “Black Friday” e ofrecer alternativas de compra na vila, non só de agasallos de cara ao Nadal senón tamén doutros produtos.
O mercado estará aberto o venres e o sábado entre as 11 e as 22 horas e o domingo ata as 20 horas, e nel participarán trinta e un comercios de roupa, e haberá outros de libros, alimentación como de queixos, especias e conservas, así como artesanía ou adornos de Nadal, entre outros. Os participantes serán Pepeluchos Bueu, Nene’s, Artesanía Lili’s, Tendeira Belén, Adegas Celme, Boulevar Libraría Edicións, Roquillería Macelcor, Descalciña pola area, La Capellana, Xoiería Faisca, Libraría Abrente, Relojería Joyería Estévez, OBS Clothing, Queixería Gaia, Conservas Antonio Alonso, Vallelongo, Fichiwichi, Artesanía Navideña, Artesanía O Pereiro, Sovoral, O taller de More, Aceite Embruxo, Desniveis, Mary Couso, Martina Chapela, Montserrat García, Muy Mía, Florentino Resille Pastoriza, Tic Tac Shop, Gáidil Bueu e Adyfa.
O mercado ten tamén unha forte compoñente de ocio, e de aí que se organicen diversos plans para pasar a fin de semana en familia, como concertos, sesións vermús e actividades infantís.
Así, entre as actuacións musicais están as de Lucía Lugrís e Rubén Azanza o venres ás 19 horas; e o sábado a de Four Passengers Pop Rock ás 13 horas, e a de Manu Adredde Versións ás 20 horas; rematando o domingo con Sr. Nilson Versións ás 13 horas.
Brais das Hortas ofrecerá o espectáculo infantil “Zona de obras” o domingo ás 17.30 horas, no que contará cun andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica cun lopper, unha batería cun capacho e un caldeiro e moitas ferramentas para interactuar co público.
Este mercado pretende ser unha posta en valor do comercio e da produción local, e de aí que tamén se conte con varios postos de hostalaría da vila que ofrecerán diversas opcións gastronómicas e culinarias para degustar na propia carpa durante eses días.
