Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu acomete a tala das árbores do cemiterio de Beluso por motivos de seguridade

  • Félix Juncal, alcalde da vila, destaca que “retiramos oito árbores do recinto porque todas tiñan un risco de caída, e supoñían un perigo pois detectáronse varias caídas de pólas de gran tamaño”
  • O consistorio está a traballar na redacción dun proxecto que suporá o axardinamento das zonas verdes do cemiterio

O Concello de Bueu vén de rematar a tala das árbores do cemiterio de Beluso, unha actuación que se levou a cabo por motivos de seguridade, dado que se atopaban en moi mal estado supoñendo un risco para as persoas usuarias do cemiterio e tamén para as propias sepulturas. Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou a pasada semana a zona acompañado do persoal da empresa especializada que acometeu os traballos nas últimas semanas.

Segundo destaca o rexedor da vila, “retiramos oito árbores do recinto porque todas tiñan un risco de caída, con partes secas na súa estrutura principal que afectaban ao crecemento e que supoñían un perigo xa que nos últimos meses se detectaron varias caídas de pólas de gran tamaño”. Despois desta tala, dende o consistorio xa se avanza que se está a traballar na redacción dun proxecto para unha segunda fase que consistirá no axardinamento das zonas verdes do cemiterio.

O Concello encargou os traballos á empresa especializada Mundo Verde, quen no seu informe diagnosticou o mal estado dos exemplares de Cipres Chamaecyparis e Cipres Leylandi. Na inspección previa detectáronse que “as árbores atópanse na súa maioría mal equilibradas a nivel estrutural, froito de podas severas, mal realizadas e sen coñecemento” ademais da “proliferación de chupóns que é un síntoma inequívoco de estres na árbore que intenta buscar unha recuperación rápida da copa que foi cortada”. Ante iso, as árbores tiñan menos reservas dispoñibles e pouco a pouco a madeira cortada foise podrecendo pouco a pouco creando pólas perigosas ou estruturas alteradas. Polo tanto, esas pólas atopábanse suxeitas de forma moi débil e non adecuada ao tronco da árbore, o que as convertía en “potencialmente perigosas en caso de movemento da árbore por vento ou motivo”.

O exemplar máis alto superaba os 25 metros e conta cun diámetro de máis de dous metros, o que significa que a circunferencia do tronco superaba os seis metros. Ante iso, e con todos eses síntomas, a recomendación foi talar as oito árbores do cemiterio de Beluso, posto que se atopaban nunha fase decadente da súa vida, que se reflectía na súa falta de envergadura, frondosidade e vigor. A iso tamén habería que engadir os danos materiais que estaban provocando debido á exposición das raíces dada a gran dimensión dos exemplares, o que levou a levantamentos e roturas no pavimento.