O Concello de Bueu abre o prazo para participar no ‘Concilia Bueu’
- O prazo de presentación das solicitudes estará aberto dende o 2 ao 9 de xuño
- O programa desenvolverase no municipio, en horario de mañá, dende o 23 de xuño ao 5 de setembro
O Concello de Bueu prepárase para a realización da nova edición do programa ‘Concilia Bueu’. O prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 9 de xuño e poderán participar nenos e nenas de 3 a 12 anos. Dende a concellaría de benestar social informan que o programa terá un custe económico para as familias, despois de que se aprobe o prezo público previsto. Será de 50 € cada mes de xullo e agosto, e 12,5 € nas semanas de xuño, e setembro.
O programa desenvolvérase entre o 23 de xuño ao 5 de setembro deste ano, en diversas quendas: a 1ª quenda será do 23 ao 30 de xuño; a 2ª quenda, do 1 ao 31 de xullo, a 3ª quenda, do 1 ao 29 de agosto; e a 4º quenda, do 1 ao 5 de setembro. Para cada quenda ofertaranse 120 prazas, e delas 10 serán para nenos e nenas en risco de exclusión social.
O horario do programa será de 9.30 h a 13.30 h, coa posibilidade de solicitar horario ampliado desde as 8.00 h ata ás 15.00 h, e tamén de servizo de comedor escolar, o cal terá un prezo de 5 € diarios e serán as familias as encargadas de contratalo nos días que o precisen.
A diferenza de anos anteriores, nesta edición todas as quendas serán realizadas pola mesma empresa.
Este servizo desenvolverase sobre a base dun proxecto lúdico-formativo que empregará o xogo como fío condutor das actividades que terán, a súa vez, un carácter recreativo, deportivo, de convivencia e sociocultural.
A participación polo procedemento xeral segue unha orde de adxudicación, sendo as solicitudes prioritarias as que pertenzan a nenos e nenas, dun mínimo de 3 meses, empadroados/as en Bueu. Estas prazas serán adxudicadas segundo a situación socio-familiar e laboral familiar. No caso de non cubrir as solicitudes que compoñen este procedemento, os nenos e nenas empadroados noutros concellos poderá optar a estas prazas vacantes.
As persoas interesadas en participar deberán presentar as solicitudes e toda a documentación acreditativa de forma presencial ou en formato electrónico a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu (https://bueu.sedelectronica.gal). A documentación que terán que facilitar en ambos casos é o anexo relativo á solicitude de participación, o xustificante de empadroamento (en caso de que non se permita a consulta), a fotocopia da tarxeta demandante de emprego, no caso de atoparse nesta situación e a do libro de familia ou outro tipo de documento que acredite esta información. Tamén se debe entregar o certificado ou xustificante de empresa con data do presente xuño, no caso de atoparse en situación laboral activa. Por último, a fotocopia do libro de familia numerosa e do certificado de monoparentalidade, no caso de estar nunha destas súas circunstancias.
A documentación debe constar completa no momento da solicitude, e non se poderá presentar posteriormente agás aqueles documentos dos que por forza maior non se dispoña antes.
ABAIXO PODEDES DESCARGAR AS BASES DO PROGRAMA E A SOLICITUDE