O Concello de Bueu abre este luns o prazo de inscrición do programa de ximnasias
- As persoas interesadas en participar inscribiranse de dúas formas: para as ximnasias na piscina, terá que ser nas propias instalacións, e para os outros lugares, no Rexistro Xeral ou a través da Sede Electrónica
- Ofertaranse máis de 500 prazas que se reparten entre a piscina municipal, Cela, Beluso e Meiro e nas que poderán participar as persoas empadroadas na vila
O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, porá en marcha a partir do 6 de outubro ‘Manténdonos en forma’, o programa de actividades físico –deportivas para a cidadanía que se desenvolverán en diversos espazos municipais, como a Piscina Municipal das Lagoas e tamén nos lugares de Beluso, Cela e Meiro. As persoas que queiran participar nel terán que estar empadroadas en Bueu e deberán inscribirse a partir do 15 de setembro. Será a través de dúas formas: presencialmente e de forma individual nas instalacións da piscina; mentres, para as ximnasias nos lugares de Beluso, Cela e Meiro, a inscrición terá que facerse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica a través dun formulario habilitado para tal fin.
O programa ofertará un total de 505 prazas, sendo 400 para a piscina, 60 para Beluso, 30 para Cela e 15 para Meiro. Ademais, e como vén sendo habitual, engadiranse 50 prazas para persoas con mobilidade reducida e Párkinson.
Ricardo Verde, concelleiro de deportes, salienta que “dende o Concello continuamos apostando por esta iniciativa que conta con gran acollida por parte da poboación e que achega o deporte e a saúde a moitas franxas de poboación”. Ao igual ca nos últimos anos, as clases serán gratuítas e terán unha duración dunha hora.
Concretamente, na piscina haberá grupos os luns e xoves ás 9, 10, 11 e 12 horas, os martes e venres, ás mesmas horas, e os mércores e venres ás 18, 19 e 20 horas. En Cela, as clases desenvolveranse os martes e xoves ás 9 e ás 10 horas, e en Beluso, ás mesmas horas os luns e mércores. Por último, no lugar de Meiro serán os luns e mércores ás 17 horas.
Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables.
Ademais, co obxectivo de seguir con eses hábitos saudables e de poñer en valor a piscina, dende finais do mes de setembro, e como xa se fixo estes dous últimos anos, retomaranse as clases de piscina para mulleres embarazadas, impartidas de xeito gratuíto en colaboración co Centro de Saúde de Bueu.
DESCARGA OS FORMULARIOS DE INSCRICIÓN