O Concello de Bueu abre a praia da Banda do Río logo da fin do episodio de contaminación
- O goberno local solicitou a FCC Aqualia que verificase todos os colectores de augas residuais e pluviais, así como localización de posibles verquidos
O Concello de Bueu abriu este luns a praia da Banda do Río ao baño, logo de que rematase o episodio de contaminación, tras o novo análise feito pola Consellería de Sanidade e remitido ao consistorio, no que se manifesta unha baixada dos niveis medidos. Así, os resultados son de 10 NMP/100 ml de enterococos intestinais, e 10 NMP/100 ml de Escherichia coli.
O goberno local continúa coas investigacións para detectar a procedencia destes niveis, e por iso se agarda polo informe solicitado a FCC Aqualia á que se lle requiriu que levase a cabo a verificación de todos os colectores de augas residuais e pluviais, así como a busca e localización de posibles verquidos nas canles naturais e calquera outra incidencia ou anomalía que se detecte nos servizos da auga. Así mesmo, tamén se contratará a unha empresa externa para realizar unha auditoría, posto que non se descarta ningunha hipótese á vista de que nas últimas semanas se produciron dous episodios de contaminación neste areal urbano.
Dous episodios de contaminación
O Concello de Bueu recibira o pasado 15 de agosto unha comunicación por parte do Departamento Territorial de Sanidade, no que se indicaba que as augas da praia da Banda do Río detectaran unha contaminación microbiolóxica, con parámetros de, motivo polo cal dende a Alcaldía se solicitou a FCC Aqualia, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento da auga, que procedese á revisión integral dos colectores de saneamento en todo o treito e contorna do río Bispo, xa que tamén tiñamos constancia de verquidos nesa zona ao longo de varios meses. Así mesmo, na praia da Banda do Río estivo prohibido o baño durante catro días.
A concesionaria emitiu un informe no que explicou que se levarían a cabo varias actuacións correctivas e preventivas, como a monitorización da rede de saneamento mediante cámara especializada co fin de detectar posibles obstrucións e elementos alleos, e a colocación de sistema de peche nas tapas das arquetas para impedir as manipulacións non autorizadas, dado que existen sospeitas de manipulacións nas mesmas. Paralelamente, nesa mesma data, o Concello recibiu unha comunicación do Departamento Territorial de Sanidade na que se informaba do fin do episodio de contaminación microbiolóxica na praia da Banda do Río, polo que o 19 se procedeu á apertura do baño.
O pasado mércores, 27 de agosto, recibiuse outro escrito de Sanidade no que se comunicaba unha nova contaminación microbiolóxica neste areal, con parámetros de 53 NMP/100 ml de enterococos intestinais e 945 NMP/100 ml de Escherichia coli. Por este motivo, dende o consistorio requiriuse a FCC Aqualia para que leve a cabo a verificación de todos os colectores de augas residuais e pluviais, a busca e localización de posibles verquidos nas canles naturais e calquera outra incidencia ou anomalía no funcionamento dos servizos da auga que poidan provocar dita contaminación.