Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello consegue as bandeiras azuis para catro praias e tres centros medioambientais

  • Os areais de Lagos, Area de Bon, Lapamán e Portomaior conseguen a bandeira azul de ADEAC, e tamén repiten os centros de Estaleiro de Purro, Udra e Agrelo
  • A concelleira Silvia Carballo acolle con ledicia e satisfacción a renovación destes galardóns, que supoñen unha mostra do gran traballo levado ao longo de moitos anos

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais e centros de España durante esta tempada estival. Así, o Concello de Bueu consegue este verán catro bandeiras azuis, que van para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán Este distintivo valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Así mesmo, tamén se revalidan os distintivos de centro azul para o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, turismo e praias, acolle con ledicia e satisfacción a renovación destes galardóns, que supoñen unha mostra do gran traballo levado ao longo de moitos anos e por diversas concellarías, con melloras tanto a nivel medioambiental como de implementación de servizos. Así mesmo, insiste a concelleira que “todos os anos tentamos reforzar os servizos en todos os areais, como coa mellora dos accesos, os baños ou o socorrismo na céntrica da Banda do Río, que se mantivo aínda sen bandeira azul”. Este ano, ademais, está aberto o prazo para a contratación dunha empresa de servizos que acometerá a limpeza dos areais, que foi unha das queixas máis recorrentes das persoas usuarias a pasada tempada.

O Estaleiro de Purro continúa co distintivo azul acadado hai dous anos, e súmase aos de Agrelo e Cabo Udra, converténdose a vila bueuesa nun referente ao contar co maior número de centros con este distintivo non só da provincia, senón tamén a nivel galego, o que vén a demostrar o traballo levado a cabo na posta en valor do patrimonio natural, etnográfico, histórico e cultural. Nos tres centros organízanse habitualmente actividades para a cidadanía que contan cun gran éxito de público de todas as idades e que poñen en valor este patrimonio.

Os centros medioambientais

A Aula da Natureza de Cabo Udra foi construída no 2008 no espazo protexido de Cabo Udra, pertencente á REDE NATURA 2000, enclave privilexiado da costa morracense e cunha biodiversidade que o converte nun espazo único. Esta innovadora edificación, permite ao Concello contar cun espazo de interpretación natural, podendo resaltar os valores biolóxicos do espazo protexido de Cabo Udra, así como promover e desenvolver programas e actividades de educación ambiental.

O Centro de Interpretación de Agrelo, situado nas inmediacións da praia de Agrelo, inaugurouse no 2015. Este centro, cuxas obras de rehabilitación se iniciaron a finais do 2014, era o antigo matadoiro municipal de Agrelo construído no ano 1955 que fora proxectado polos arquitectos Francisco de Castro e Pedro Alonso. Tamén foi usado durante moito tempo como sede da protección civil.

O Estaleiro de Purro atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente á historia marítima recente de Bueu. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e veciños e construíronse infinidade de embarcacións. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente do Bueu mariñeiro. A rehabilitación rematada no 2022 supuxo a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira.