Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello celebra o 17 de maio a XXV Romaría das Letras de Sanamedio e unha programación variada durante o mes de maio

  • Carmen García, concelleira de cultura, destaca que “teremos un programa de actividades culturais de todo tipo, coas letras, a música e o cinema como protagonistas” e agradeceu a colaboración dos colectivos da vila
  • O programa estenderase durante todo o mes por diversos lugares e espazos municipais

O Concello de Bueu celebra o 17 de maio a XXV Romaría das Letras Galegas no lugar de Sanamedio, unha proposta que centra a programación desta data e que se complementará con outras actividades variadas. Este luns tivo lugar no Concello a rolda de prensa de presentación da programación, na que estiveron Carmen García, concelleira de cultura, mocidade, infancia e normalización lingüística, e representantes de colectivos colaboradores.

A Romaría terá lugar durante todo o día no Adro de Sanamedio (en caso de chuvia trasladarase á Casa do Pobo de Beluso) e nela incluirase o II Festival dos Grupos Folclóricos de Bueu, unha proposta nacida o pasado ano e que busca poñer en valor o enorme patrimonio musical tradicional da vila. Así, ás 12 horas comezarán as actuacións dos grupos A Quinta Ferreña, Novos Ventos e Os Mulos, e pola tarde, a partir das 17 horas, os de Cantadela de Meiro, Os Liboreiros e Retrouso de Cela. Entre ambas actuacións haberá xantar no recinto, micrófono aberto de Begoña Caamaño, e xogos populares a partir das 16.00 horas. A xornada clausurarase ás 20 horas co concerto de Acordeireta, un dúo conformado por Patricia González e Alejandro Balbuena no que se xuntan o acordeón e a pandeireta para presentar o seu novo disco “Baixo os remendos, nós”.

Pero o día das Letras Galegas incluirá outras actividades organizadas ou nas que colaboran outros colectivos da vila e que se estenderán todo o mes.

No lugar de Meiro, que é un dos habituais das Letras, está programado un acto para o sábado 16 de maio ás 17.30 horas, organizado pola Asociación Veciñal A Morada e que incluirá unha charla da ilustradora Chus Rojo, micro aberto con Luís Chapela e as actuacións musicais de Os Trobadores de Ermelo, Estévez & Estévez e Cantadela de Meiro.

O domingo 17 celebrarase ás 20 horas no Centro Social do Mar o Concerto de Corais das Letras Galegas, que organiza a Coral Marusía e no que participan a Coral Polifónica de Tomiño, a Coral San Mamede da Portela de Barro, a Coral de Poio e a anfitrioa.

Como xa é normal dende hai varios anos, o Cineclub Bueu promove o Ciclo de Cinema Galego, no que se programarán filmes galegos ou con temáticas do país. As sesións desenvolveranse todos os venres ás 21 horas no Centro Social do Mar. Nesta edición poderanse ver Sirât, de Oliver Laxe (15 de maio), Antes de nós, de Ángeles Huerta (22 de maio), e As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns (29 de maio). Segundo avanzan dende o Cineclub, as proxeccións completaranse con coloquios aos que asistirán representantes do cinema, caso de Pablo Lamosa o 15 de maio, ou a directora Anxos Fazáns o 29.

As actividades literarias serán tamén as protagonistas neste mes de maio no que se conmemora á autora e xornalista Begoña Caamaño. Así, o sábado 16 de maio, a Libraría Abrente organiza o contacontos “Contos que me contou un paxariño” de Chus Álvarez, do que se poderá gozar no Estaleiro de Purro ás 12 horas. Pola súa banda, a Libraría Miranda continúa cos mércores literarios e así presentaranse os libros Tiña eu razón, de Victoria Pinal (13 de maio, 19.30 horas), O pazo das marismas, de Alberte Blanco Casal (20 de maio, 19.30 horas), Futuro imperfecto, de Xulia Alonso (27 de maio, 19.30 horas), ao que se engadirá a presentación de Asasinato no muíño do cura, de Arantza Portabales, que se programará para o sábado 23 de maio ás 12 horas. Todas as presentacións terán lugar na sala Multiusos do Centro Social do Mar, agás a de Arantza, que será no auditorio.

As bibliotecas municipais acollerán dous contacontos a finais de maio. Así, o 25 poderase gozar de “Sinfonía de contos” de Inma Soto ás 18 horas na Biblioteca de Beluso; e o 27 do contacontos ilustrado e musicado “As letras de Begoña Caamaño” que se desenvolverá á mesma hora na Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu.

Ademais, do 12 ao 18 de maio, as persoas lectoras terán citas a cegas co libro galego, ademais dunha exposición de Begoña Caamaño e de obra en galego.