Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación para as obras de ampliación do abastecemento e saneamento en Bon de Abaixo

  • As empresas interesadas en executar a obras poderán presentar as ofertas económicas ata o 2 de abril e o orzamento ascende a 454.150,53 €
  • As obras, que se financian con cargo ao Plan Máis Provincia 2024 da Deputación, pretenden dotar dos servizos básicos da auga ás vivendas de Bon de Abaixo

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para a ampliación das redes de abastecemento e saneamento na zona de Bon de Abaixo, na parroquia de Beluso. O anuncio vén de publicarse na Plataforma de Contratación do Sector Público, e establécese que o prazo de presentación de ofertas esténdese ata o vindeiro 2 de abril.

O orzamento base de licitación ascende a 454.150,53 €, IVE engadido, e finánciase con cargo ao Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

A actuación, que terá unha duración de execución de cinco meses, permitirá dotar de servizos a unha parte das vivendas da zona e tamén servirá de base para un desenvolvemento posterior. Na actualidade, a veciñanza só dispón de fosas sépticas e pozos, polo que con estas obras se solucionará unha problemática que vén de hai anos. Segundo se explica no proxecto, a solución proposta para dotar de saneamento a esas vivendas é a recollida dos vertidos mediante unha rede de colectores por gravidade que conflúan en residuais mediante unha impulsión ata o pozo de bombeo de Montemogos denominado EBAR Covelo. Neste caso contémplase a instalación de 966,00 m de colector de saneamento de PVC de 315 mm, 38 pozos de rexistro e a execución de 15 acometidas domiciliarias por gravidade.

A tubería de abastecemento instalarase na mesma zanxa do colector de saneamento por enriba deste, optimizando o movemento de terras, e conectándoo á rede existente na estrada xeral EP-1308. Neste caso colocaranse 1.656,00 m de tubería de polietileno, e executaranse 3 arquetas, 6 válvulas, unha boca de rego e 35 acometidas domiciliarias.

O goberno local leva moitos anos traballando para completar os servizos básicos do rural, tanto de mellora dos accesos ás vivendas como a posta a punto do saneamento e abastecemento da auga.