XXIV Romaría das Letras Galegas en Sanamedio
Evento xa rematado
-
Data
17 mayo, 2025
-
Hora
12:30 pm - 10:00 pm
- Pola mañá organizarase o I Festival dos Grupos Folclóricos de Bueu, no que participarán agrupacións tradicionais da vila
- Haberá diversas actividades para toda a familia e posibilidade de quedar a xantar no recinto, onde haberá un posto de comida a favor da Asociación Cultura Novos Ventos
O Concello de Bueu celebra o 17 de maio a XXIV Romaría das Letras Galegas no lugar de Sanamedio, unha proposta renovada que traerá actividades para toda a familia nun enclave único.
A xornada arrancará ás 12.00 horas co I Festival dos Grupos Folclóricos de Bueu, no que participarán Retrouso de Cela, Novos Ventos de Beluso, Os Liboreiros e Cantadela de Meiro. Segundo a edil da área, “buscamos revitalizar a Romaría das Letras de Sanamedio que dende a pandemia se fora perdendo, e farémolo con diversas propostas para poñer en valor as cantareiras e a música tradicional, así como a nosa lingua”. A Romaría terá actividades toda a xornada, polo que é ideal para pasar un día coa familia e amizades, ao tempo que se festexan as Letras Galegas que este ano se mostran nas mulleres cantareiras que foron transmisoras da cultura tradicional e do idioma galego.
Como vén sendo habitual nesta romaría con tanta tradición, as persoas asistentes terán a posibilidade de xantar no recinto, onde haberá un posto de comida e bebidas a favor da Asociación Cultural Novos Ventos.
Pola tarde, ás 16 horas arrancará o micro aberto no que se poderán recitar poemas ou fragmentos de textos en galego e que será un convite para que todas as persoas que queiran poidan participar. E das letras pasarase aos xogos tradicionais, dos que se poderán gozar a partir das 16.30 horas.
Os máis pequenos e pequenas serán protagonistas en “A ciclobiblioteca”, na que o contador e escritor Anxo Moure virá coa súa bicicleta ateigada de libros e contos. Nesta actividade, que será ás 17.30 horas, narraranse oralmente contos na loita contra o cambio climático, para amar e coidar a terra.
Ás 18.30 horas, a Libraría Miranda organiza a presentación do libro A historia de Galicia en 30 obxectos, no que o historiador e divulgador David Gesteira explica a historia galega a través dunha trintena de obxectos claves para entender de onde vimos.
E xa ás 20.00 horas, a cantautora Sheila Patricia será a encargada de pechar a festa cun concerto en gran formato no que recupera o canto popular cunha proposta renovada e moi potente.
Ademais, durante toda a xornada haberá posto de venda de libros coa libraría local Boulevar e tamén do xogo de mesa “Tes terras?”.