XV Bandeira de Bateis Concello de Bueu
Evento xa rematado
-
Data
5 abril, 2025
-
Hora
4:00 pm - 6:00 pm
- A proba tomará saída do peirao bueués ás 16 horas e nela agárdase a participación de máis dun cento de embarcacións de once clubes
- O percorrido sairá do peirao de Bueu cara a zona da Robaleira, variando as distancias segundo as categorías
O Club do Mar de Bueu – Simei e o Concello de Bueu organizan este sábado, 5 de abril, a XV Bandeira de Bateis, unha regata que se desenvolverá a partir das 16 horas e na que se agarda a participación dun cento de embarcacións de once clubes. Así o apuntaron Valente Campos e Javier Pazos, integrantes da directiva do club, na rolda de prensa que se celebrou este mediodía, e na que tamén estivo presente Verde, concelleiro de deportes.
Esta actividade, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. O percorrido sairá dende o peirao de Bueu cara á praia da Robaleira, e as distancias variarán segundo as categorías, que son Alevín Mixto, Alevín Feminina, Infantil Feminina, Cadete Feminina, Xuvenil Feminina, Sub’23 Feminina e Absoluta Feminina; e Alevín Masculino, Infantil Mixto, Infantil Masculino, Cadete Masculino, Xuvenil Masculino, Sub’23 Masculino e Absoluta Masculino.
A organización agarda a participación de máis dun cento de embarcacións dos clubs Robaleira, Virxe da Guía, Chapela, Cesantes, Samertolameu, Tirán, Vila de Cangas, Bueu, Amegrove, Mecos e Vilaxoan. Deles virán arredor de 100 barcos nas diversas categorías.
Tal e como se establece no regulamento, as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina faranse cunha bandeira conmemorativa da proba, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas. Así mesmo, haberá medallas para os barcos clasificados en cada categoría.