Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

XIX Festa do Viño Tinta Femia de Cela

  • O evento incluirá actuacións de música tradicional, degustacións e catas de viño Tinta Femia e comida a prezos populares

A parroquia de Cela volverá celebrar este ano a XIX Festa do Viño Tinta Femia, que se recupera baixo a organización do Concello de Bueu e a Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu.

A festa celebrarase no Eirado de Cela na fin de semana do 4 ao 6 de xullo e nela incluiranse actuacións de música tradicional, degustacións e catas deste viño que é xa, sen lugar a dúbidas, un dos produtos máis singulares e definitorios da vila morracense. De feito, e como se avanzou na presentación, nesta edición haberá 1300 botellas ofrecidas polos dez colleiteiros e colleiteiras participantes, e tamén se dispoñerá de comida a prezos populares para acompañar.

Dado que un dos obxectivos desta festa é reivindicar a historia do viño, o venres 4 pola tarde organizarase un roteiro co investigador e músico Xavier Blanco da Fundación Legar no que se explicará a música de raíz e a súa relación coa cultura do viño. Nesta actividade proponse unha viaxe sonora polos espazos de Cela vencellados á tradición vitivinícola, onde a música de raíz se mestura cos labores do campo, cos parrafeos das vendimas e cos sons espontáneos das adegas. Esta recreación sonora é unha homenaxe viva á tradición, á creatividade popular e ao papel social do viño como punto de encontro, memoria e celebración. Xa despois, ás 20 horas, actuará o grupo tradicional Retrouso.

O sábado será o día grande, e a festa abrirase ás 13.00 horas co pregón a cargo de Don Juan Veiga Alfonso, profesional da saúde moi vinculado á vila de Bueu e que foi nomeado Fillo Adoptivo do Concello de Bueu no 2017.

O domingo pola mañá está programada unha cata cega dos viños e unha actuación musical coa charanga Os Jaláticos. Pola tarde, arredor das 19.30 h, entregaranse os premios da cata cega e da cata popular, ademais dos diplomas aos colleiteiros e colleiteiras e sortearanse as rifas.