Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

VIII Cross Cabo Udra

Evento xa rematado

  • O sábado pola tarde desenvolveranse as carreiras absoluta e popular, e o domingo será a quenda da andaina e das categorías inferiores

A Asociación por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades públicas e privadas, organiza esta fin de semana, 5 e 6 de outubro, o VIII Cross Cabo Udra, un evento deportivo e familiar no que se agarda a participación de 670 persoas. Nesta edición decidiuse cambiar o cross para outubro, dado que en xuño se saturaba moito a zona de Udra, e o que fixemos foi tamén dividila en dous días. Así, as carreiras absoluta e popular, de 4 e 10 quilómetros respectivamente, organizaranse o sábado pola tarde, día no que tamén terá lugar un zonal cadete, de 2,7 quilómetros, coa colaboración da Xunta de Galicia. Pola súa banda, deixaranse para o domingo a andaina de 13 quilómetros, e as categorías inferiores pitufos, minibenxamín, benxamín, alevín e infantil, que percorrerán diversas distancias.

Amais das probas deportivas, tal e como vén sendo habitual, o evento contará cunha parte solidaria, de aí que estea prevista a colocación de varios postos de asociacións da contorna, como a Fundación Diabetes Cero, Adicam, Agaela, Asociación Protectora do Morrazo, Avempo e a Asociación Juan XXIII, entidade que tamén confeccionou os trofeos como é habitual.

A organización entregará os trofeos habituais nas diversas categorías, ademais de medallas para todos os nenos e nenas participantes nas inferiores. A eles engadiranse varios recoñecementos, como o Trofeo Bravo, que se lle dará a unha persoa de Beluso que colabore co Cross, o Mellor de Bueu, ao de máis lonxe, ao primeiro inscrito/, ao club con máis participantes e á persoa con máis sabedoría.

O Cross Cabo Udra naceu hai varios anos coa clara intención de darlle continuidade e recuperar o Cross de Beluso, unha proba considerada coma un dos referentes provinciais a nivel escolar e popular durante os anos 80 e 90, e que tivo que deixar de celebrarse no 2003. Agora celebra a oitava edición con novidades e medrando ano tras ano.

Toda a información pode atoparse na web: https://crosscaboudra.com/