Verán na rúa
Evento xa rematado
-
Inicio
6 agosto, 2024
9:00 pm -
Fin
27 agosto, 2024
10:00 pm -
Praza Massó
Praza Massó, s/n, 36930, Bueu
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, organiza o ‘Verán na rúa’, un proxecto con espectáculos para a cativada que incluirá diversas disciplinas como monicreques ou malabares. As actividades de espectáculos desenvolveranse todos os martes de agosto a partir das 21 horas na Praza Massó.
As actividades arrancarán o martes 6 de agosto co espectáculo “Cirkote”, no que Kote Malabar combinará circo de rúa e teatro, malabares e humor. Neste número, o artista, que leva vinte anos facendo rir e gozar a todo tipo de públicos, manterá unha relación directa actor – público nun espectáculo no que pode acontecer de todo. O seguinte martes, 13 de agosto, poderase gozar de “Marta sempre arriba- Hoxe si!”, un espectáculo de Marta Iglesias no que atopamos un triángulo por espazo de xogo, obxectos que soben, baixan e flotan no aire, coa combinación de música, circo e un micro.
O martes 20 será a quenda de “Muu Crunch 2” no que volven os dous superheroes máis queridos do circo nunha nova aventura que incluirá unha viaxe temporal aos seus comezos: volver á escola por non sacar o título. Aí terán que vivir novos inimigos, novas aventuras, novos desafíos, nun espectáculo familiar cheo de malabares, caídas, golpes, risas e equilibrios imposibles. E o 27 de agosto está prevista “Máis saaabor!”, unha proposta cómica para público infantil e familiar en torno ao mundo da gastronomía e a alimentación saudable. Nela mestúrase música en directo, maxia, humor, moito ritmo e participación do público. Félix Rodríguez e Fran Rei convértense de novo en dous recoñecidos chefs que ofrecen un gorentoso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú: unha comida moi musical para toda a familia.