Verán na rúa
Evento xa rematado
-
Inicio
5 agosto, 2025
8:30 pm -
Fin
26 agosto, 2025
10:00 pm -
Praza Massó
Praza Massó, s/n, 36930, Bueu
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, organiza este mes de agosto o ‘Verán na rúa’, un proxecto con espectáculos para a cativada que incluirá diversas disciplinas como monicreques ou malabares.
As actividades de espectáculos desenvolveranse todos os martes de agosto a partir das 20.30 horas na Praza Massó. O obxectivo é ofrecer alternativas de lecer para os pequenos e pequenas e para compartir en familia durante o verán.
As actividades arrancarán o martes 5 de agosto con Assircópatas e “Rogelio 3. La Fête”, na que atopamos ao pallaso Rogelio, unha creación do actor Dani Blanco que se insire no programa + Escénicas da Deputación de Pontevedra. Nel proponse un espectáculo de circo, clown, corda frouxa, malabares, música e moito humor. Nesta obra xógase coa idea da celebración dun aniversario ao que non asiste e do que non se lembra ninguén.
O 12 de agosto, tamén co apoio do programa + Escénicas, será a quenda do Zirko Tkosko e o espectáculo “Távole”, que nos leva a un mundo de humor e reflexión. Inspirado nos problemas da sociedade actual, e a través da linguaxe universal do circo, dous personaxes chegarán á conclusión de que a única solución a estes problemas é a convivencia, a comunicación e o respeto.
O 19 de agosto, a proposta será “Chafallas, a vendedora de fume”, na que Cris Collazo bebe da esencia dos contos e cantigas tradicionais pero transformando o seu referente. A obra achéganos á literatura do rural galego e portugués dende a súa forma tradicional, contos cantados de xeito acumulativo, os enganos e embustes, o marabilloso, o retablo dos títeres, romances representados no cartelón.
E xa por último, o 26 de agosto poderase gozar de Henriko e o “Circo Cambuche” no que se recupera en clave de traxicomedia, a historia dun antigo circo do século pasado, O Circo Cambuche.