Rutas «Recoñecer Bueu 2025»
-
Inicio
26 abril, 2025
10:00 am -
Fin
15 junio, 2025
1:00 pm
- Os percorridos arrancarán o 26 de abril con “Intermareal de Agrelo”, e continuarán o 11 de maio con “Massó, a orixe”, e o 15 de xuño, con “Ermelo, berce do Morrazo”
- As persoas interesadas en participar poderán inscribirse de balde no whatsapp do teléfono 611080853
O Concello de Bueu e a Asociación A Illa dos Ratos organizan esta primavera o programa de rutas “Recoñecer Bueu 2025”, na que se desenvolverán diversos percorridos que pretenden poñer en valor a historia e a cultura dalgúns espazos da vila. A presentación da iniciativa tivo lugar este martes nun acto no que estiveron algúns concelleiros e concelleiras do goberno, caso de Silvia Carballo, da área de turismo, Carmen García, de cultura, Alberto Moital, de patrimonio, e Óscar Rodríguez, de A Illa dos Ratos.
O programa comezará o próximo 26 de abril cunha ruta titulada “Intermareal de Agrelo”, e continuarán o 11 de maio con “Massó, a orixe” e o 15 de xuño con “Ermelo, berce do Morrazo”. Todas elas arrancarán ás 10 horas da mañá e precisan inscrición previa de balde no teléfono 611080853, cun límite de 35 persoas por ruta.
O obxectivo das rutas é, segundo Óscar Rodríguez, que “as persoas poidan coñecer dende un enfoque natural, cultural e etnográfico os diversos lugares de Bueu”. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou que “para nós é moi importante desestacionalizar o turismo e cremos que estas rutas axudan a que a veciñanza poida coñecer a historia e os espazos”. Pola súa banda, Alberto Moital edil de patrimonio, avanzou que “dende o Concello estamos renovando a sinaléctica das rutas patrimoniais e das de lugares que se atopan en mal estado”.
A Intermareal de Agrelo será guiada por Lucía Sotelo, oceanógrafa da asociación, e percorrerá o entorno natural no que se atopan as praias de Loureiro, Agrelo e Portomaior, o cal se caracteriza por unha gran biodiversidade e riqueza natural. Nesta ruta visitaranse as pozas da zona intermareal da praia de Agrelo para observar a flora e a fauna mariña que vive nelas e que ten que adaptarse cada día ás condicións cambiantes que se producen cando sobe e baixa a marea. Trátase dunha ruta moi interactiva na que se poderán ver e tocar diferentes especies como os ourizos, os tomates de mar ou algunha estrelamar.
“Massó, a orixe” contará a historia da conserveira Massó dende a chegada de Salvador Massó Palau a Bueu en 1816, pasando polo resto da familia Massó, con especial atención a evolución da súas actividades industriais, primeiro de salgadura no «Almacén do Rei» e logo da conserva en «La Perfección» e na moderna fábrica de Bueu inaugurada en 1926, ata o peche das fábricas e fin da saga. Tamén haberá tempo para curiosidades e anécdotas: como era o día a día das traballadoras, as súas ocupacións e preocupacións e a importancia que tivo a actividade conserveira para a súa incorporación ao mundo laboral.
Na de Ermelo poñerase en valor a importancia histórica deste núcleo a través dunha viaxe no tempo, e partirase do Concilio II de Braga, onde xa se falaba deste lugar como o “berce do Morrazo”. Tras varios séculos de existencia foi entrando en declive debido a diversas circunstancias como o escaso número de habitantes que residían neste lugar, a marcha dos monxes beneditinos que atendían o mosteiro, ou a eclosión das outras parroquias da nosa contorna.
A Asociación A Illa dos Ratos leva dende o 2016 organizando rutas, e de feito xa conta con máis de 800 percorridos e supera as 23.000 persoas asistentes entre os tres concellos do Morrazo.